Igualdade impulsa a nova edición da Escola de Empoderamento Feminista

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 05/10/2018 - 11:40 /

Escola de Empoderamento Feminista (EEF) do Concello da Coruña regresa no último trimestre do ano. A edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou este xoves a segunda edición deste programa posto en marcha polo goberno local na primavera deste 2018, e que ten como finalidade incrementar a participación activa das mulleres en todos os eidos sociais, así como achegar ferramentas de autocoñecemento e sensibilización en torno á igualdade e á perspectiva feminista como eixo de transformación social. "A Escola de Empoderamento é unha das apostas con máis carga transformadora dos proxectos da Concellería de Igualdade", aseverou Fraga. "A Coruña precisa reforzar a conciencia feminista. Aínda que existe formación en igualdade ou xénero que xa se imparte desde diferentes institucións, como é o caso da Universidade, este programa municipal quere afastarse desa liña e complementar a expansión do empoderamento e da conciencia feminista levándoa aos barrios, á veciñanza", apuntou a edil. Tal e como sinalou a responsable municipal, o espírito deste recurso formativo, que ten como pretensión "ser unha programación estable e consolidarse no tempo", parte dun enfoque fundamentalmente vivencial. "O obxectivo é aprender facendo e sentindo, que cada participante poida realizar unha actividade que lle sirva e goce á vez que lle atravesa o feminismo. Queremos sacar á luz esa conciencia feminista que se atopa latente da man de expertas e activistas, coa creación de espazos seguros e de proximidade, e empregando recursos municipais adaptados ás necesidades do alumnado", explicou Fraga, quen apuntou que esta segunda edición "consolida" a programación de actividades que se desenvolveu entre os meses de abril e xuño, como as propostas Autodefensa feminista, Cabaré empoderante ou Coidar Coidándonos, pero introduce modificacións en franxas horarias e localizacións "de cara a chegar a máis públicos".  

"Este novo convite á participación propón conectar á veciñanza con propostas de formación diversas e recoñecidas da man de formadoras e entidades feministas que, desde unha traxectoria profesional e activista, achegan os seus saberes e metodoloxías a toda á cidadanía", sinalou a concelleira, quen apuntou á inclusión, no programa de actividades, do currículum das formadoras, "para visibilizar tamén a aposta por proxectos autónomos feministas".

Ademais, durante a presentación, a responsable municipal destacou que, tal e como é habitual nas actividades promovidas pola Concellería, e co obxectivo de facilitar e potenciar a participación, o Concello ofrecerá, como solución de conciliación, servizo de canguraxe --para nenas e nenos a partires dos 3 anos-- para aquelas persoas que o precisen para participar dos obradoiros, así como interpretación en lingua de signos. Ambas cuestións, segundo apuntou Fraga, deberanse sinalar durante o proceso de inscrición.

Obradoiros

As propostas da segunda edición abranguen distintas temáticas e localizacións, para favorecer tanto a participación de veciñas e veciños que non asistiron na primavera, así como para dar a oportunidade de repetir ou realizar novos obradoiros ás que foron partícipes da primeira edición. Deste xeito, a partires do día 15, todos os luns de outubro e novembro, así como o 3 de decembro, no centro cívico de San Diego --en horario de 18.30 a 20.30 horas-- terá lugar o obradoiro Empoderamento e crecemento erótico, que nace "como un espazo seguro, cun enfoque de xénero e feminista", apuntou Fraga, e que impartirá a sexóloga Jeane Costa.

Outra das propostas será Coidar coidándonos, unha iniciativa que se dirixe a coidadoras de persoas dependentes, co obxectivo de atender a un colectivo "moi vulnerable", segundo cualificou a concelleira, como é o das persoas coidadoras, "xa que o seu labor supón unha importante tarefa física e emocional". Este obradoiro impartirase -- coa colaboración da Fundación Mujeres-- todos os martes de outubro e novembro, ademais do 4 de decembro, en horario de 10.30 a 12.30 horas no centro cívico Novoboandanza.

Tamén nesta etapa terá lugar unha nova edición do Cabaré empoderante, un obradoiro impartido por Yolanda Paz, "que busca integrar a actitude empoderadora que trae o propio cabaré e espontaneidade na vida cotiá", explicou a concelleira, e que terá lugar todos os venres de outubro e novembro, e 7 de decembro, en horario de 18.45 a 20.45 no Centro Cívico de Monelos.

Por outra banda, o centro cívico de Eirís acollerá, en distintas sesións dos martes 16, 23, e 30 outubro, 6, 13, 20 e 27 de novembro e o 4 decembro --nun total de 24 horas--, o taller Ffotocreativa, que incide na fotografía como ferramenta con capacidade de crear novas realidades e visións da historia das mulleres. Nas mesmas datas --todos os martes do 16 de outubro ao 4 de decembro-- celebrarase no Centro de Información ás Mulleres o obradoiro de Autodefensa feminista, que abordará desde distintas áreas --física, emocional, individual ou colectiva-- a creación de espazos seguros e ampliación das posibilidades das participantes fronte ás violencias machistas.

O centro cívico da Cidade Vella acollerá todos os mércores, desde o día 17 de outubro e até o 5 de decembro --de 17.30 a 19.30 horas-- As mulleres que adMiro, unha acción formativa psicolóxico-audiovisual que explorará os puntos de vista a través da cámara do teléfono móbil. Outra das propostas que introduce novidades nesta segunda edición, en canto a horarios e localizacións, e que tamén se impartirá no mesmo equipamento municipal, será o obradoiro Masculinidades e paternidades corresponsables, que se dirixe fundamentalmente a homes maiores de 16 anos. "Estamos seguras que na Coruña hai homes con interese en cuestionar a súa masculinidade e en deixarse atravesar polo feminismo", sinalou Fraga. Este obradoiro terá lugar os martes 23 e 30 de outubro, e 6 de novembro, entre as 18.45 e as 20.45 horas.

O último dos obradoiros, que tamén está dirixido a veciñas e veciños, e en especial a profesionais da psicoloxía, traballo social, educación, dereito ou saúde que traballen no ámbito das diversidades, é Xénero e discapacidade, que achegará a dupla discriminación que sofren acotío as mulleres con discapacidade. Este curso, de 20 horas, impartirase todos os venres de outubro e novembro, entre as 18.00 e as 20.30 horas, no centro cívico de Labañou.

Inscrición

O período de inscrición comezará esta xornada, desde as 14.00 horas, até as 21.00 horas do mércores 10 de outubro, a través da páxina web www.coruna.gal/igualdade. De xeito presencial, será posible solicitar praza no centro cívico da Cidade Vella os días 6, 8, 9 e 10 de outubro, de 10.00 a 12.00 horas e de 18.00 a 20.30 horas. No caso dos cursos nos que o número de persoas inscritas supere o número de prazas máximas para un axeitado desenvolvemento do mesmo, realizarase un sorteo público o 11 de outubro, ás 08.30 horas, na propia Concellería, e a lista publicarase o propio xoves na páxina web da área.