Nova programación do Teatro Colón

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 12/01/2018 - 15:34 / Etiquetas: deputacion da coruña, teatro colon

 

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e o coordinador Xosé Aldea presentaron a programación dos tres primeiros meses do ano do Teatro Colón que confirma o lema de “a cultura é un dereito” cunha oferta diversa, social, na busca de novos públicos e con prezos populares.

A música e o teatro continúan a ser o eixo da programación do Teatro Colón con apostas como o encontro de Pablo Milanés con Luís Emilio Batallán, o concerto de Ses, o Son Galego, Son Cubano de Roi Casal, Khitara ou a Real Filharmonía de Galicia no ámbito musical; Ubu Rei de Talía Teatro, o humor de Noites de Retranca e Contos na Lareira  ademais de Carmen do Ballet de Cuba Camagüey inclúense no ciclo “Colón a Escena!” neste primeiro trimestre.

“Case corenta mil espectadores participaron na programación do pasado semestre con máis de oitenta eventos que inauguraron unha liña que agora se consolida, coa cultura como servizo público, promoción das producións galegas, busca de novos públicos, en especial o infantil, e unha oferta diversa”, sinalou Goretti Sanmartín na súa intervención antes de anunciar que o programa dos tres primeiros meses deste ano buscará “consolidar a liña que responde ao noso lema de entender a cultura como un dereito”.

Neste sentido, Goretti Sanmartín referiuse á consolidación das Matinais dos domingos como proposta de referencia para o público familiar, a continuidade do programa escolar e unha oferta diversa con teatro, danza, música e humor.

Goretti Sanmartín fixo especial fincapé en dúas citas de produción propia que se desenvolverán neste primeiro trimestre coas mulleres como protagonistas. A primeira delas chegará o 23 de febreiro ao Colón para conmemorar o nacemento da escritora de máis proxección da nosa literatura. A Gala Rosalía de Castro convocará voz e música coa participación de Abe Rábade e Natasia Zürcher, Najla Shami, Uxía con Serxio Tannus e Santi Cribeiro, Xiana Lastra con Andrea Porte e Tempo Catro e a voz poética de Anxo Angueira, Cesáreo Sánchez Iglesias, Marta Dacosta e Rosalía Fernández Rial. A segunda das convocatorias xirará arredor do Día Internacional das Mulleres e responde ao título “16Mx8M” aínda que chega ao escenario do Teatro Colón o día 10 de marzo. Trátase dun espectáculo creativo e feminista que contará coa presenza de MJ Pérez, A Banda da Loba, Mounqup e Máis boas que as patacas coa compañía trasPediante como fío condutor.

Pola súa parte, o coordinador Xosé Aldea destacou o “recoñecemento do público que responde á chamada da nosa programación e converte o Colón como un espazo de referencia de oferta cultural de calidade”. Aldea destacou a nova programación con propostas culturais de “altísimo nivel” como os concertos de Luís Emilio Batallán e Pablo Milanés, Ses ou a Real Filarmonía de Galicia.

A nova programación reforza o Teatro Colón como alternativa familiar de ocio dos domingos á mañá co seu ciclo “As Matinais do Colón” co espectáculo musical “ A Festa continúa” de Mamá Cabra,  o de circo “Outono” de Pistacatro, “Baleadas” de trasPediante “Muiñada” de Galeatro ademais da ópera “A Frauta Máxica” de Rababiero Promocións Artísticas que inaugura o ciclo. A oferta para o público novo complétase co programa escolar con “A Noiva de Don Quixote” de Emedous Producións e Distribucións e “#Camiños” de ButacaZero.

O Colón continúa na súa apertura a organizacións non gubernamentais e ofrece neste primeiro trimestre a colaboración nos concertos e galas como a da Amnistía Internacional ou a Cociña Económica. Neste sentido, Goretti Sanmartín valorou a resposta da anterior edición de “Conexións” na que participaron por volta de vinte mil persoas como “un servizo moi importante para o asociacionismo, para o tecido cultural e distintos colectivos que tiveron a oportunidade de facer os seus recitais, as galas e festivais nun espazo privilexiado como é o Colón”.

No pasado semestre, o Teatro Colón acolleu unha programación de 81 eventos con 38.816 persoas asistentes ao longo do semestre, nun calendario que se concentrou no cuarto trimestre do ano. Máis de 4.500 escolares participaron da programación teatral destinada a centros de ensino e 19.982 no ciclo “Conexións”, o ámbito máis social que abre o espazo cultural a entidades culturais e sociais.