0 comment
Carmen ArmadaCoordinadora de EU CoruñaOctober 082017

NOVAS CARAS PARA NOVOS TEMPOS, ESQUERDA UNIDA RENOVA O SEU CONSELLO POLÍTICO LOCAL

 

Dende o pasado 23 de setembro, Esquerda Unida ten novas caras no seu renovado Consello Político Local. Na búsqueda dun equipo plural e paritario, dun equipo que conxugue as ilusións dos máis novos e a experiencia dos que máis levan na loita, chegamos á conformación dun equipo que puidese trasladar á sociedade a viva imaxe do que Esquerda Unida é.  Elixiuse por unanimidade ás e aos compañeiros Berta Vigil, Miguel García, Aurora Paz, Nicanor Acosta, René Gamborino e Carmen Armada para conducir a organización nos vindeiros tempos, asumindo René e máis eu, Carmen, a Coordinación.  

A nosa idea de proxecto, o noso impulso, será crear ilusión. Todos nós, a militancia de Esquerda Unida, somos xente comprometida, loitadora e parte da locomotora das forzas da esquerda, pero e que ademais somos unha militancia con ilusión, con ganas e con forza. Convidamos a todas as xentes comprometidas da Coruña a que participen con nós neste proxecto tan ilusionante que é cambiar o rumbo das cousas. Todas e todos nós somos parte imprescindible do cambio, porque as cousas finalmente mudarán de rumbo!

Estamos a vivir momentos difíciles, estamos a ver como rompe a democracia, como rompe o modelo de Estado, e sobre todo, como colapsa o Réxime do 78. Este é o momento de Esquerda Unida, este é o momento de tensionar e actuar de forma organizada e coordinada para defender os valores de respeto, paz e convivencia, sempre na loita pola defensa dunha xustiza e un novo proceso constituínte que nos leve a outro modelo de estado: federal, plurinacional e republicano.

Tal e como vimos facendo ao longo da historia, continuaremos a estar masivamente nas rúas, nas loitas da clase traballadora. Temos todos nós o reto de visibilizar os nosos esforzos na loita e os avances na construción dun mundo mellor. Queremos empoderar á militancia, queremos empoderar a todas as persoas comprometidas que están a loitar pola mellora das condicións de vida da sociedade. Hoxe máis que nunca apelamos á nosa tradición de dar a pelexa nas rúas, non solo nas institucións.

Cambiaremos ademais algunhas das dinámicas interiorizadas na organización, un exemplo será a nosa sede, que pasará a ser un espazo aberto, disposto, un espazo onde cada quen poida achegarse. A nosa sede vai pasar a ser un lugar de encontro, un recuncho onde cada quen, dende dentro ou fora da organización, poida expresar, preguntar, respostar ou informar de todo o que precise. Será un espazo de confluencias, un espazo de formación; un lugar onde se poida tecer rede con outras agrupacións, asociacións ou xentes comprometidas.

En definitiva, o traballo que queda por diante é moito, pero as compañeiras deixaron o camiño xa asentado para a Esquerda Unida que debera ser. Unha agrupación de base asemblearia, das traballadoras e traballadores, de aquelas que día a día sufrimos a voracidade dun capitalismo que esmaga as nosas vidas. Unha agrupación que xunto a loita de clases sitúa a liberación da muller como motor político, queremos unha Esquerda Unida en forma e praxe feminista.

Afrontando un tempo no que os procesos electorais aínda están no horizonte, dámonos agora un tempo para tecernos como grupo, cosernos como unha rede, ser todas nós unha unidade. Aproveitaremos este tempo para estar con todas as nosas forzas nas rúas e nos numerosos espazos e conflitos sociais ou laborais. Temos que seguir na loita polas mellores condicións de vida da nosa clase, por poder garantir unha vida e un futuro dignos, e, en definitiva, temos que seguir nas rúas para mudar o sistema establecido.

Convidámosvos a participar desta nova etapa, na que a ilusión, o compromiso e a loita serán as sinais da nosa identidade, tendo no horizonte a esperanza nun futuro para o 99%, un futuro das maiorías, un futuro dos pobos, un futuro socialista.

Adiante compañeiros, con ilusión e optimismo. Vémonos nas rúas!