Nuevas confirmaciones en el Noroeste

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 24/05/2018 - 13:22 / Etiquetas: Festival Noroeste

 

Cinco novos nomes súmanse ao cartel do 32º Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará na Coruña do 7 ao 12 de agosto de 2018. The Limboos porá o peche dourado á primeira xornada de concertos o martes 7 de agosto, ás 23.15h, na Praza de San Nicolás. Así, unha das bandas que máis paixóns esperta cos seus directos dará renda solta á súa maxistral fórmula de rhythm and blues con trazos de gospel, soul, swing e influencias latinas para facer bailar ao público cos temas dos seus dous aplaudidos traballos: Space Mambo (2014) e Limbootica! (2017).

Pola súa banda, Laetitia Sadier, musa indiscutible da escena alternativa dos 90 e líder de Stereolab, o grupo máis influente do postrock europeo de entón, fará vibrar ao público do Noroeste Estrella Galicia acompañada da súa banda Source Ensemble. E o fará ao ritmo de sons que van do indie rock ao kraut, o spacerock, a bossanova, os aires latinos, o pop e a electrónica. Mentres, Morgan, considerada como a mellor voz feminina do pop-rock español dos últimos anos, clausurará o Noroeste Estrella Galicia o domingo 12 de agosto no Parque do Paseo das Pontes cos temas do seu novo disco, Air, que acaba de ver a luz fai apenas dous meses.

O Jazz vocal, o rhythm & blues, o hip hop, os ritmos caribeños e o trap con acento urbano terán cabida no electrizante directo da artista arxentina Nathy Peluso, que se poderá verse o mércores 8 de agosto, ás 21.30 horas, na Praza das Bárbaras. Finalmente, a novísima Marem Ladson -quen, con tan só un disco no mercado, se erixiu coma unha das artistas máis queridas do momento-, será a encargada de amenizar unha das sesións matinais do festival a golpe da súa mestura de pop, rock e folk profunda e imaxinativa.

CINCO NOVAS BANDAS E ARTISTAS CONFIRMADAS NO NOROESTE ESTRELLA GALICIA 2018

LAETITIA SADIER SOURCE ENSEMBLE. Afincada en Londres, Laetitia Sadier foi a musa francófona da escena alternativa dos anos 90. Cantante, teclista e guitarrista, a comezos dos 90 fundou xunto a súa parella naquel momento, Tim Gane, a banda Stereolab, unha das referencias máis importantes e influentes do postrock europeo. En 2003 emprende outro proxecto, Monade, onde Sadier se inclina máis polo indie rock e as letras en francés, cun son menos complexo e máis tranquilo. Sen romper co seu estilo, Sadier comeza o seu camiño en solitario en 2010, cun primeiro álbum titulado The Trip. A este seguiranlle La Piscine (2011), Silencio (2012), Something Shines (2014) e Dry Fruit (2015), unha gran cantidade de títulos que se manteñen fieis ao seu son particular. 

En 2017, Laetitia Sadier regresa co seu último álbum en solitario, de novo en colaboración coa súa banda habitual baixo o nome de Source Ensemble. Find Me Finding You é un disco que transita territorios coñecidos pola francesa, pero con desviacións coas que se aproxima ao seu ideal sonoro. Retazos de kraut, spacerock, bossanova, sons latinos, pop, electrónica… Todo xunto dunha forma sinxela, impecable, coa súa propia linguaxe. Para poñer en pé este traballo, Sadier rodeouse dos seus habituais en directo: Emmanuel Mario (batería, programacións e coros) e Xavi Muñoz (baixo, teclados e coros), algo que se sinte na cohesión do disco e na dinámica dunhas cancións que necesitan precisión e complicidade (moi presentes nas harmonías vocais). Ademais, participaron tamén colaboradores coma Alexis Taylor (Hot Chip), David Thayer, Mason le Long e Rob Mazurek. Unha vez máis, Sadier ten a habilidade de dotar as súas cancións de contido comprometido, moitas veces cheo de reivindicacións, como o público poderá comprobar no 32º Noroeste Estrella Galicia.

MAREM LADSON. A imaxinación compositiva, a profundidade das súas letras e a súa capacidade de interpretación son as mellores bazas desta novísima artista de apenas 19 anos. Esta galega-estadounidense -de nai ourensá e pai neoyorkino, baloncestista profesional que se mudou a xogar a España- presentouse o ano pasado como unha das promesas máis firmes da escena musical grazas ao seu primeiro sinxelo, All My Storms, que lle levou a actuar en varios festivais. Unos meses despois, xa en 2018, o seu disco de debut confirmou o que moitos programadores e críticos xa aventuraran. Once cancións que se pasean polo pop, o rock e o folk e que gravou da man de Brian Hunt e Juan Diego Gosálvez en El Invernadero (Madrid). Temas que falan de autoafirmación, do paso á vida adulta e de ser unha muller adolescente. Unha presenza estelar no Festival Noroeste da man dunha das intérpretes do momento.

MORGAN. Morgan é un proxecto musical nacido en 2012, momento no que Nina de Juan (piano e voz) mostra as súas composicións a Paco López (guitarra e voz) e a Ekain Elorza (batería) e os tres anímanse a harmonizalas e crear un novo grupo. Ese mesmo ano, debutan en formato acústico na Sala Costello de Madrid e ofrecen algún concerto no País Vasco, pero non é ata finais de 2015 cando deciden entrar no estudo a gravar o seu primeiro álbum. O lugar escollido é La Cabaña (Madrid), onde, coa axuda do produtor José Nortés (Ariel Rot, Quique González, Sergio Makaroff, etc.), rexistran o seu disco de debut North, un traballo autoeditado que se conseguiu colar nas listas dos máis vendidos en 2017. O álbum sae á venda en febreiro de 2016, coincidindo coa súa volta aos directos, esta vez, xa con formación eléctrica e coa incorporación á banda de Alejandro Ovejero ao baixo e David Schulthess ao teclado. O primeiro concerto de presentación na mítica Sala El Sol é tamén o primeiro no que se colga o cartel de “non hai entradas”. Unhas semanas despois, farán o mesmo en Berriz (Bizkaia) e nos seus dous directos no Teatro Lara de Madrid, en xuño e setembro de 2016. Desde entón, Morgan non parou de tocar e sumar éxitos. 

En 2016 presentaron o seu disco en 25 cidades diferentes da Península e visitaron algúns dos grandes festivais do panorama estatal (Mad Cool, Sonorama, Gigante, Actual, Let’s Festival). Cómpre destacar tamén o seu concerto de apertura para Leiva nun Pazo dos Deportes madrileño ateigado ata a bandeira e a súa viaxe a Brasil para acompañar a Tulipa Ruiz (gañadora dun Grammy Latino) en varios eventos en São Paulo. O ano 2017 non puido saír de mellor maneira: reeditou o seu disco despois de agotar a primeira edición (entrando nas listas dos máis vendidos do ano) e continuou presentando North por novos territorios coma Cataluña, Santander ou Zaragoza. En marzo de 2018 e despois de tan só dous meses parada, a banda regresa co seu segundo disco, Air, un traballo que, sen dúbida, vai marcar un antes e un despois na súa carreira, gravado e producido entre finais de 2017 e principios de 2018 de novo por Jose Nortes en Madrid. 

NATHY PELUSO. Esta artista arxentina de sangue italiana e querencia cubana chega no momento xusto. Dotada dun talento vocal extraordinario e dunha intuición musical aventaxada, cita a Celia Cruz coma unha das súas indispensables, pero tamén a Etta James, Nina Simone, Chet Baker ou ao Chayanne de Fiesta en América. Afincada desde os dez anos en Madrid -agora ten 23-, os seus pais fuxiron da complicada situación económica do seu país. En todo este tempo, a súa educación sonora fraguouse escoitando “cantidades masivas de música” para logo levalas ao seu terreo. Terreo que é o xénero urbano, as historias, a rúa e as relacións persoais baixo esa etiqueta chamada trap pero que a ela, definitivamente, quédalle máis que pequena. O seu último traballo, La sandunguera, publicado o pasado mes de abril, dá conta disto. Seis temas en inglés e en español onde salda a súa débeda coas músicas negras: jazz vocal, rhythm and blues, hip hop, ritmos caribeños... todo aquilo de onde procede. Porque, faga o que faga, parece que nada se lle resiste.

THE LIMBOOS. Non é nada común encontrarse cunha formación actual de rhythm and blues con tanto talento musical e que, á súa vez, soe diferente ás demais. O coñecemento e a devoción dos integrantes de The Limboos polos mestres do xénero plásmase en cada unha das súas cancións, todas escritas por eles mesmos. Nelas, queda impreso un raro don: aunar ritmo e elegancia a raudales. As orixes da banda remóntanse a hai apenas catro anos: a gravación dun primeiro single bastoulles de excusa para empezar a xirar internacionalmente. Seguidamente chegaría o seu álbum de debut, Space Mambo (2014), co que pasearon o seu exotismo por media Europa, cunha posta en escena que os que a gozaron a califican de memorable. Cun segundo traballo xa no mercado, Limbootica! (2017), a súa parroquia medra cada día máis, sumando fieis alén do circuíto do rock and roll. Engaden á súa fórmula maxistral de rhythm and blues influencias latinas, gotas de gospel, soul e swing e homenaxes particulares á bossanova brasileira, a Cuba ou ás rúas de Nova Orleans. No seu trepidante viaxe ao corazón do ritmo, o Festival Noroeste Estrella Galicia será unha das súas próximas paradas. 

O NOROESTE ESTRELLA GALICIA, UNHA CITA ÚNICA QUE EN 2018 CELEBRA A SÚA 32 EDICIÓN. Como cada ano, A Coruña transformarase en agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2018, o festival celebrarase do 7 ao 12 de agosto e contará con máis de 100 bandas e artistas que inundarán cos sons máis eclécticos -pop, rock, indie, heavy, vangarda, fado, hip hop, fusión, folk, punk, noise, canción de autor, etc.- todos os recunchos urbanos da cidade. Dentro do cartel para esta 32º edición, que segue fiel á súa aposta pola calidade, a contemporaneidade e a singularidade de todos os seus directos, están xa confirmados os nomes de Ana Curra, Bea a de Estrella, BFlecha, Carla Green & The Demons, Christina Rosenvinge, Dona Rosa, Glitchgirl, Group A, Laetitia Sadier Source Ensemble, Maria Arnal i Marcel Bagés, Mordem, Morgan, Nathy Peluso, Rocío Márquez, The Big Lis Gumbo Band, The Lákazans, The Limboos e Wondermind.

O Festival Noroeste Estrella Galicia é unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas. Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e conta coa colaboración especial de Estrella Galicia. Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia apostará polas bandas locais e galegas e buscará ser o reflexo dunha cidade moderna e fundamentalmente musical. Da súa man, A Coruña abrirase a novos camiños, a novas maneiras de facer e de mirar, consolidándose coma un reclamo de turismo experiencial, contemporáneo e singular. 

Fiel á filosofía que ven caracterizando ao festival nas súas últimas edicións, o Noroeste Estrella Galicia manterá en 2018 o seu carácter urbano e aos 15 escenarios que deron cabida aos concertos en 2017 -a Praia de Riazor, o Castelo de Santo Antón, a Praza de San Nicolás, a Fundación Luis Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Campo da Leña, a Praza das Bárbaras, as rúas de Torreiro ou Capitán Troncoso e o Parque do Paseo das Pontes, entre outros- sumaranse novas localizacións para ofertar ao público novas experiencias e novas formas de interactuar coa cidade a través da música.

En 2018, o Noroeste Estrella Galicia repetirá a súa aposta por ofrecer ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite. Na súa 32º edición contará de novo con sesións matinais (para ampliar a experiencia da cidadanía tamén no mediodía, da man de bandas con pegada da escena galega e estatal), o Ciclo Selección Noroeste (con directos exclusivos en teatros e recintos a cuberto da cidade) e o Noroeste + (cando finalicen os directos na praia e nas prazas, os locais da noite coruñesa abrirán as súas portas a dj’s residentes e visitantes como sobremesa do festival). O Mercado da Colleita, de Hijos de Rivera, celebrarase de novo en paralelo á súa sesión de música dominical. 

O Concello da Coruña e Estrella Galicia continúan a súa colaboración trala firma en 2016 dun convenio institucional relativo á programación cultural que se pode gozar na cidade e que ten como máximo expoñente ao Noroeste. Este acordo é froito da crenza común de que a cultura é a ferramenta imprescindible para definir e impulsar unha cidade cada vez máis viva, cosmopolita e avanzada. Ademais, o Noroeste contará de novo coa colaboración de Cuac FM e, na súa aposta por interactuar co tecido asociativo e os axentes culturais da cidade, contará coa colaboración de Clubtura e Desconcierto Cultural.