O alcalde indica que "logo de tres anos difíciles, estamos máis preto ca nunca de impulsar un proxecto sostible para a recuperación dos terreos portuarios"

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 04/09/2018 - 09:38 / Etiquetas: concello da coruña

O alcalde, Xulio Ferreiro, manifestou onte ante os medios de comunicación que, "logo de tres anos moi difíciles, A Coruña está máis preto ca nunca de impulsar un proxecto sostible para a recuperación dos terreos portuarios". O rexedor indicou que "as propostas que, durante este tempo, o goberno local tivo que defender moitas veces en solitario, hoxe son ideas de consenso" e se referiu, en concreto, "á revisión dos convenios urbanísticos de 2004, a constitución dun consorcio público no que participen todas as administracións implicadas e a formulación dunha solución para a débeda da Autoridade Portuaria, entendendo que esta non pode ser unha lousa que condicione o futuro da cidade".

"Neste asunto creo que debemos ter claro cal é o noso obxectivo: pensar no mellor para a cidade da Coruña e que uns terreos que son patrimonio da cidadanía non teñan que ser vendidos para sufragar a débeda da Autoridade Portuaria. Dentro dese obxectivo podemos buscar as fórmulas necesarias", explicou. "O caso de Valencia deixa claro que, cando hai vontade, pódense atopar solucións. O Goberno local dixo dende o principio que aquí estabamos a falar dunha cuestión de vontade política na que temos que explorar todas as posibilidades legais que poidan existir para evitar a venda dos terreos portuarios", engadiu.

O grupo municipal que sostén ao goberno defenderá o vindeiro luns no Pleno unha moción na que insta ao Goberno do Estado a "condonar o préstamo concedido por Puertos del Estado á Autoridade Portuaria da Coruña, acordando para isto as medidas normativas e orzamentarias que correspondan para o exercicio 2019". Unhas medidas normativas e orzamentarias que, con independencia do instrumento formal (en forma de condonación ou de axuda económica equivalente), supoñan o mesmo resultado final: a amortización do préstamo con Puertos del Estado e liberar o bordo litoral da presión urbanística derivada da débeda de Punta Langosteira.

Así, e ao fío da busca de solucións para garantir a non especulación e o uso e titularidade públicas dos terreos portuarios da cidade, Ferreiro salientou que "o goberno local está a ter unha boa interlocución co goberno do Estado, tanto coa Delegación do Goberno, como co Ministerio de Fomento e con Puertos del Estado". "O concurso de ideas que convocamos ao inicio do verán e que se desenvolverá nos vindeiros meses abriu un novo marco de diálogo e cooperación que está a dar xa os seus primeiros froitos", indicou o primeiro edil coruñés, que explicou que no mesmo participarán as principais institucións así como axentes económicos e sociais da cidade.

"Este clima de cooperación é o camiño que queremos andar", comentou o alcalde, que fixo fincapé no cambio que se produciu nas conversas con respecto ao anterior executivo estatal. "Creo que existe, por fin, unha boa disposición por todas as partes, e penso que existen elementos de consenso suficientes. Son optimista e quero darlle unha oportunidade a este novo escenario de cooperación. Mirade como estabamos hai tres anos, e mirade como estamos agora. Penso que debemos apostar por esta liña, que é a que vai dar froitos", dixo.

A este respecto, Ferreiro manifestou que "o goberno do estado sabe que acumula moitas contas pendentes coa cidade da Coruña, produto da nefasta xestión de Mariano Rajoy durante estes anos, que foi acompañada polo boicot sistemático que nos reserva a Xunta". "O presidente Sánchez sabe que non pode defraudar as expectativas depositadas neste nova etapa. Confío en que todos intentaremos estar á altura do que A Coruña precisa, agora e na negociación dos orzamentos xerais do estado para 2019".

Por outro lado, o mandatario local aproveitou a comparecencia ante a prensa referíndose á actitude que está a amosar para con este tema o Partido Popular. "Quen non foi capaz en tres anos de abrir ningunha alternativa, agora, cando menos, non debería molestar. Espero que deixe traballar a quen ten vontade de chegar a acordos. O obxectivo fundamental é que non se teñan que malvender os terreos de Calvo Sotelo, Batería ou San Diego para poder financiar o porto exterior. Temos que deseñar o futuro da cidade de acordo co interese público, e non en función da débeda da Autoridade Portuaria", manifestou, á vez que, a nivel institucional, instou tanto á Xunta de Galicia, como ao porto coruñés a sumarse ao clima de consenso. "Se o Concello e Fomento están a entenderse, penso que nin o goberno autonómico nin o porto da Coruña poden poñer paus na roda. Se a Xunta estaba disposta a investir 20 millóns de euros na fachada atlántica da cidade cando o PP estaba en Madrid, supoño que agora non terá problema en manter esa achega", insistiu, á vez que recordou o protocolo de colaboración elaborado polo Concello que se lle pasou tanto á Xunta como a goberno central o inverno pasado. "Nós xa comunicamos a nosa fórmula de cooperación. Cónstame que ese documento esta na mesa da presidenta de Puertos del Estado", dixo.

Consello de Administración da Autoridade Portuaria

Por outro lado, o conselleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, saudou este mediodía que a Autoridade Portuaria da Coruña atendese a solicitude feita polo Concello e veña de convocar, para este mércores, a reunión do seu Consello de Administración (onde o edil é o representante da administración local) para abordar a situación aberta tras o anuncio de que o Goberno central vai asumir a débeda do Consorcio Valencia 2007. Sobre este punto do día, o edil presentará unha proposta de resolución que Varela espera "que sexa aprobada por todos e todas as integrantes do consello de administración". "O noso obxectivo é xerar o espazo necesario para garantir que non se vai especular cos terreos da fachada atlántica. Neste punto, é preciso que todas as institucións teñamos claro que, a día de hoxe, a débeda que ten a Autoridade Portuaria é impagable, polo que é preciso, ou ben condonala, ou ben procurar unha compensación económica equivalente".