O alcalde pon en valor o novo modelo descentralizado dos servizos sociais

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Dom, 29/07/2018 - 00:13 / Etiquetas: concello da coruña

​O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, deu conta este sábado da descentralización dos servizos sociais que o Concello iniciará o vindeiro 17 de setembro, e que suporá que os centros cívicos de San Diego, Labañou, Os Mallos, Monte Alto e Elviña pasarán a contar con equipos de atención social, “un novo modelo de proximidade que supón, non só que os veciños e as veciñas teñan máis cerca o centro ao que acudir, senón que ademais terán equipos completos, que creo que é un feito diferencial respecto do modelo actual”. Tal e como expuxo durante unha entrevista en Radio Coruña Cadena Ser, no novo modelo, estes centros non serán “meros puntos de atención, senón lugares onde vai haber equipos completos, que contarán con traballadoras de atención inmediata, e tamén con traballadoras sociais de referencia, que fan esa intervención social tan importante, porque precisamente a atención inmediata as libera dunha parte do labor burocrático, e tamén con persoal administrativo que permita xestionar todo isto”. “O novo modelo vai evitar duplicidades ou que as persoas usuarias teñan que acudir a un punto para un servizo e a outro para outra xestión”, exemplificou o rexedor, que indicou que o cambio “vai permitir esa atención máis próxima que deben ter os servizos sociais, tanto pola propia lei de Servizos Sociais de Galicia, que así o dispón, como porque neste goberno cremos que o modelo correcto é un modelo de proximidade”. “Esa proximidade é a que estamos introducindo en moitas políticas e que desde logo entendemos que en servizos sociais resulta fundamental”, considerou.

Tal e como fixo notar o alcalde, o proceso de descentralización que desenvolve a Concellería de Xustiza Social e Coidados parte dun traballo previo, como foi a creación dese Servizo de Atención Inmediata, que serviu para desconxestionar o servizo e permitiu a redución das listas de espera, co que a demora na atención con cita previa pasou dunha media de 71 días no 2015 a 24 días no 2016, “tendo en conta –apuntou– que o 63% das demandas xa obtiveron unha resposta axeitada neste servizo”, sen necesidade de derivar á traballadora social de referencia.

A continuación, desenvolveuse “un proceso longo de deseño, participado por todas as traballadoras dos servizos sociais municipais, un proceso de moitos meses para deseñar o modelo e os equipos, para facelo con consenso”, sinalou Ferreiro, quen agradeceu tanto ás profesionais como á propia concelleira responsable, Silvia Cameán, “todo o esforzo que se fixo”. “Para facer esta descentralización fai falta un equipo profesional numeroso e a ninguén se lle ocultan os problemas de persoal que sofren as administracións, e concretamente as administracións locais, despois de anos de taxas de reposición inferiores ao 100% incluso en ocasións nos servizos sociais, que levan a un déficit de persoal que dificultou moito este proceso”, advertiu, para poñer en valor “a gran diferencia” que suporá a descentralización, da que se dará comunicación a todas as persoas que na actualidade son usuarias dos servizos sociais municipais, para que coñezan con antelación o equipo que lles corresponde, en función á proximidade co seu domicilio. O traballo de descentralización ten como marco un aumento sostido no gasto social que, con 105,94 euros por habitante é o máis alto das cidades galegas, segundo os últimos datos do Ministerio de Hacienda.

Área metropolitana

O alcalde tamén se referiu á conformación da área metropolitana da Coruña, da que dixo que “debe ser construída en común, con consensos, e onde ten que entrar tamén a que nestes momentos é a forza maioritaria da oposición no Concello da Coruña”. Ferreiro, cuestionado sobre se é posible materializar esta Área Metropolitana sen o Partido Popular, afirmou que “é evidente que non, por unha cuestión de aritmética”, xa que é o partido que ten a maioría no Parlamento de Galicia, onde se ten que aprobar a lei de creación da área, e tampouco, dixo, “polo alcance do proxecto, que esixe consensos”. Ao respecto, o alcalde sinalou que a actitude do PP ao respecto consiste en non colaborar na construción da área, sobre a que segue unha política “de omisión”. “Non impulsa, critica, non fai achegas... Pero eu simplemente digo que, máis alá da oposición concreta a un alcalde concreto nun momento concreto, o que lles pareceu ben ao PP e á Xunta de Galicia e ao Parlamento para Vigo, non hai razón obxectiva para que non sexa bo para A Coruña. E foi o Partido Popular o que tirou para constituír a área metropolitana de Vigo”, razoou. “Se os intereses eran diferentes á xestión conxunta de servizos, e se era para contrarrestar outro poder diferente a nivel municipal, iso é algo que deben dicir eles, eu non o sei”, indicou.

Ao respecto, o rexedor incidiu en que as razóns para impulsar unha área metropolitana “son mellorar a xestión dos servizos públicos, a planificación da economía e do territorio e adecuar a realidade urbana que temos, a das máis de 400.000 persoas que vivimos na área da Coruña, e dotalas dun instrumento de xestión desa realidade urbana”. Así, insistiu en que non se trata de crear un “macroconcello nin unha estrutura a maiores, senón ter un lugar de toma de decisións en común”

Nostián

Entre os asuntos que se trataron na última Mesa de Alcaldes e Alcaldesas da Área metropolitana, estivo a creación dun plan de xestión de residuos metropolitano. Cuestionado ao respecto, Ferreiro explicou que, durante a xuntanza, tamén se facilitou os rexedores e rexedoras información sobre os plans do Concello para o futuro da planta de Nostián, “de titularidade municipal e polo tanto responsabilidade da Coruña”. “Este ano remataremos os traballos preparatorios para poder sacar de novo a concesión planta o ano que vén e poder ter unha nova xestión da planta funcionando en 2020”, avanzou o alcalde, que salientou que a intención do Concello de “seguir cooperando cos concellos que están agora mesmo no Consorcio das Mariñas, tamén con Arteixo, e A Coruña, para poder seguir xestionando xuntos un modelo, que a ninguén se lle nega que puido non cumprir todas as expectativas que se puxeron no inicio, pero que é un modelo no que queremos profundar”.