O alcalde reivindica, durante o acto institucional de homenaxe a María Pita, “a todas as persoas que defenderon e defenden o progreso e o patrimonio que nos é común

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Dom, 13/05/2018 - 00:42 /
Foto: Concello da Coruña

 

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presidiu este sábado o acto institucional de homenaxe á María Pita e aos e ás defensoras da cidade ante o asedio das tropas inglesas en 1589. Na súa intervención, o rexedor reivindicou a figura da heroína local e de todas as persoas defensoras “que alumearon a cidade sabedoras do patrimonio que nos rodea”. “Un patrimonio que, como o noso bordo litoral, non pode ser defendido senón desde a unidade, xa que necesitamos respostas que partan do común e que estean destinadas ao común”, aseverou Ferreiro, quen salientou o compromiso do executivo municipal “de colocar á cidadanía como interese primeiro e único” e, “cunha vocación inclusiva”, trasladou a vontade “de protexer e valorar A Coruña desde a unidade”.

O acto, que se celebrou na Praza de María Pita e que contou con representación de membros da Corporación municipal, foi precedido por senllas ofrendas florais que tiveron lugar tanto na Casa Museo que rende homenaxe á heroína coruñesa, como na placa que lembra a defensa da cidade, sita na confluencia das rúas Herrerías con Porta de Aires. A Banda Municipal, dirixida por Juan José Ocón, ofreceu un concerto no que interpretou pezas tradicionais, ademais da Marcha do Antigo Reino de Galicia e o himno galego.

“Hoxe rendemos homenaxe á muller que hai máis de catro séculos se converteu no estandarte da liberdade e da dignidade dun pobo, pero tamén queremos recoñecer e agradecer o traballo e a memoria das outras mariapitas desta cidade, o resto de mulleres que, dende o recoñecemento ou dende o anonimato, defenderon o progreso e a autonomía dunha terra brava, posuidora dun patrimonio inigualable e unha xenerosidade histórica”, sinalou o alcalde, en referencia a figuras como Isabel Zendal, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou Concepción Areal, así como as cigarreiras, “que clamaron polos dereitos laborais en tempos onde estes non eran patrimonio adquirido nin tan sequera polos homes”. “As fazañas colectivas da Coruña popular estiveron marcadas polo impulso das mulleres, e A Coruña de hoxe en día loita, representada polas súas veciñas, nunha marea de cor violenta que reivindica a igualdade efectiva e que clama polos seus dereitos e o seu futuro”, sinalou Ferreiro que, no curso da súa declaración, salientou tamén a loita da veciñanza coruñesa contra as violencias machistas e a dignidade de todas as mulleres “que están a facer fronte a todas as ‘manadas’ de covardes, de aqueles que se senten ameazados polas liberdades e responden co terror contra as mulleres”.

Ao fío, o rexedor lembrou que o goberno local está a traballar para favorecer que A Coruña sexa unha cidade de coidados e diversa, no marco das políticas postas en marcha para a visibilización e recoñecemento das diversidades sexuais e afectivas. Así, e despois da inclusión das figuras de Marcela e Elisa no Belén municipal o pasado mes de decembro, o alcalde anunciou esta mañá que a nova rúa que o Concello vén de abrir esta semana no polígono de Náutica levará o nome da parella, o primeiro matrimonio entre mulleres do Estado, “o que dá mostra que A Coruña foi e será unha cidade pioneira no coidado e no respecto ás diversidades”.

Recuperación do patrimonio histórico

No curso da súa declaración, o rexedor coruñés avogou tamén pola “responsabilidade compartida” que supón a defensa do patrimonio histórico e cultural da cidade, e destacou a posta en valor do goberno local pola recuperación do mesmo, “como é abrir á cidadanía, despois de culminar os traballos de consolidación, dun espazo tan simbólico e histórico como é o Castro de Elviña”, que xa ofrece visitas guiadas gratuítas os domingos ás 12.00 horas . Neste sentido, Ferreiro destacou outras actuacións acometidas polo Concello “polo afán de poñer en valor aquelo que nos define”, como a restauración da Porta de San Miguel ou as intervencións que se está a realizar tanto no acueduto do Paseo das Pontes, parte da Viaxe de Visma, ou no xacemento do convento de San Francisco, e que tamén levarán ao executivo coruñés a poñer en marcha “un proceso ambicioso, como é a dinamización e a revitalización da Cidade Vella”.