O alcalde reivindica, sobre o proxecto das Naves do Metrosidero, que o goberno local “segue a apostar polo diálogo

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 30/05/2018 - 00:45 / Etiquetas: concello da coruña, Metrosidero

 

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou este martes que o executivo municipal segue a apelar “ao diálogo”, dende o respecto “á discrepancia e á liberdade de expresión”, para abordar o proxecto das Naves do Metrosidero, onde o goberno local ten a intención de poñer en marcha un espazo participado para toda a cidadanía e especialmente centrado na mocidade. “Aínda estamos a tempo para que as partes máis sensibles, as persoas que realmente traballan pola autoxestión dos espazos, colaboren e participen con nós para abrir este proxecto á cidadanía”, dixo o rexedor, que desvinculou a existencia de posicións críticas co ocorrido a pasada fin de semana no local da Marea Atlántica, grupo que dá soporte ao goberno local. “Cremos firmemente que todo o mundo ten dereito a discrepar, xa que é san e positivo que isto ocorra nunha sociedade. O asalto ao local da Marea, como as ameazas e insultos, é unha actuación inxustificable e que xera intranquilidade pero que non é representativa de ningún movemento, senón que, simplemente, son incidentes dun grupo que persoas illadas que deben quedar illadas”, dixo. Así se manifestou a preguntas da prensa o rexedor, que reivindicou que o goberno local traballou durante moitos meses para evitar o uso da forza na recuperación do ben de dominio público ubicado no espazo da Comandancia, tratando aos e ás ocupantes do mesmo como “interlocutoras válidas, e como membros dun movemento cidadán que merecía ser escoitado e ao que lle propuxemos solucións que compatibilizan a autoxestión coa existencia dun espazo de titularidade municipal e, por tanto, de toda a cidadanía”.

Con respecto ao operativo posto en marcha o pasado mércores e que derivou na recuperación, por parte do Concello, do ben de dominio público sobre o que se asenta o espazo da antiga Comandancia de Obras, o rexedor recordou que, contra as sete e media da mañá, a Policía Local procedeu a acceder ao citado espazo, despois de comprobar que non había ningunha persoa dentro e que apenas quedaban enseres. “Este feito foi comunicado a través dos mandos policiais municipais ao corpo da Policía Nacional, á que se lle pediu colaboración para a protección e custodia do espazo. Aínda que a primeira hora da mañá nada parecía indicar que isto puidera ocorrer, como sabedes, logo se produciron eses incidentes que todos e todas lamentamos profundamente”, sinalou. “Aqueles que falan de descoordinación deberían indicar por que ás 11.30 horas desa mañá decidiron retirar os axentes do CNP das inmediacións da Comandancia cando se sabía que había unha manifestación convocada para ás 13.00 horas e que podía ocorrer algún incidente. A Policía Nacional estaba convocada e logo marchou, polo que creo que tamén cómpre algunha explicación”, advertiu.

Tal e como expuxo, aínda que o Concello reclamou a presenza da Policía Nacional a primeira hora mediante unha comunicación entre mandos dos respectivos corpos de seguridade, tras os incidentes que tiveron lugar na mañá do mércores (contra ás 13.30 horas), foi o propio alcalde quen tratou de comunicarse tanto co delegado como co subdelegado do goberno. “Despois de varios intentos infrutuosos conseguín poñerme en contacto con eles e lles pedín explicacións sobre o feito de que se tivesen retirado sobre as 11.30 horas”, informou. Contra esa hora, a CNP só deixou un retén mínimo nas inmediacións que non actuou nin se achegou até a entrada da Comandancia no momento no que tiveron lugar os incidentes rexistrados na mañá do mércores, cando un grupo de persoas intentou entrar pola forza no recinto. “Logo de ter esa conversa telefónica co subdelegado do goberno, se me pide que envíe un requirimento por escrito pedindo o apoio da Policía Nacional, o cal fago, a pesar de que a colaboración xa se solicitara pola mañá”, detallou. A este respecto, a concelleira coa competencia de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, indicou este martes que “a colaboración e coordinación entre a Policía Local e a Policía Nacional se leva a cabo de forma habitual sen ningún problema e sen que nunca fose necesario enviar un fax para requirir ningunha colaboración”. “Na maioría das ocasións, é a Policía Local a que colabora co CNP no ámbito da seguridade cidadá, que é competencia do corpo estatal, tendo en conta a situación de recortes de efectivos e medios que está a sufrir nestes momentos”, recordou.

Por outro lado, o primeiro edil manifestou, a respecto da actuación municipal, que “o que estamos a facer, dende o primeiro día, é reunir todos os informes e as imaxes que nos permitan valorar todo o ocorrido”. A este respecto, a concelleira de Igualdade e Diversidade fixo un chamado “á calma de cara a non xerar máis tensión”. “Estamos analizando e investigando todo o acaecido, pero é necesario facelo dende a calma, polo que lle pedimos tranquilidade e responsabilidade a todas as voces”, engadiu.

Con respecto ao inicio das obras para levar a cabo o proxecto das Naves do Metrosidero, o alcalde indicou que o Concello está en contacto permanente cos técnicos do Ministerio de Fomento que deben firmar á maior brevidade a acta de replanteo necesaria para acometer as obras. “O ideal é que empecen canto antes, planificadas xa co Ministerio de Fomento e coa empresa”, dixo.