O centro cívico de San Diego acollerá este sábado 2 un novo encontro ‘Dillo ti’

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 01/06/2018 - 08:29 / Etiquetas: concello da coruña, Dillo ti

 

O Concello da Coruña celebrará este sábado, 2 de xuño, un novo encontro Dillo ti. Conversas co alcalde e o goberno municipal, o programa de xuntanzas abertas entre a veciñanza e o executivo local que se celebran de xeito mensual en distintos barrios da Coruña. A finalidade desta canle de participación cidadá posta en marcha en xaneiro de 2016 é crear espazos de encontro para facilitar que as veciñas e veciños trasladen, de xeito directo e sen intermediación, as súas demandas e vontades ao Goberno municipal.

Tras visitar os barrios dos Castros, Palavea, Monte Alto, Os Mallos, Agra do Orzán, Novo Mesoiro, Monelos, Cidade Vella, Os Rosales, O Castrillón, Sagrada Familia, Peixería, A Silva, Feáns, Adormideras, Labañou, Eirís, Santa Margarida, Elviña, Nostián e Zalaeta, a nova xuntanza regresa ao barrio dos Castros, ao Centro Cívico de San Diego. Como vén sendo habitual, o encontro contará cun servizo de tradución á linguaxe de signos, así como un espazo de conciliación, que permite ás persoas con nenas ou nenos ao cargo asistir á cita, e que tamén está aberto á cidadanía. Así, todas e todos os menores da cidade que teñan interese en asistir a este obradoiro aberto, poderán facelo ata completar o número de prazas dispoñibles. Para participar neste espazo mesmo non será necesario inscribirse, pero si acudir ao equipamento municipal no horario de celebración do Dillo ti --de 12.00 a 13.30 horas--.

Toda a información sobre esta serie de xuntanzas está dispoñible na páxina web municipal, no enlace www.coruna.es/conversascoalcalde , así como nos vídeo resumos de cada unha delas, que se poden ver na canle oficial do Concello na plataforma Vimeo www.vimeo.com/concellocoruna .