O centro cívico dos Mallos acolle este sábado un novo encontro 'Dillo ti' entre o goberno local e a veciñanza

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 14/09/2018 - 10:32 / Etiquetas: concello da coruña

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e membros do goberno local participarán este sábado 15, a partires das 12.00 horas, nunha nova xuntanza Dillo ti, que terá lugar no centro cívico dos Mallos. O encontro, no que pode participar toda a cidadanía, é un espazo aberto ao diálogo e á conversa entre a veciñanza e o seu goberno, de xeito directo e sen intermediación. Como é habitual, o encontro contará cun servizo de tradución á linguaxe de signos, así como un espazo de conciliación, que permite ás persoas con nenas ou nenos ao cargo asistir á cita, e que tamén está aberto á cidadanía. Así, todas e todos os menores da cidade que teñan interese en asistir a este obradoiro aberto poderán facelo ata completar o número de prazas dispoñibles. Para participar neste espazo mesmo non será necesario inscribirse, pero si acudir ao equipamento municipal no horario de celebración do Dillo ti --de 12.00 a 13.30 horas--.

Trátase da segunda ocasión que o Dillo ti se celebra nos Mallos. Desde a súa implantación, no mes de xaneiro de 2016, a nova canle de participación cidadá aberta polo executivo municipal celebrou encontros nos Castros, Palavea, Monte Alto, Os Mallos, Agra do Orzán, Novo Mesoiro, Monelos, Cidade Vella, Os Rosales, O Castrillón, Sagrada Familia, Pescaría, A Silva, Feáns, Adormideras, Labañou, Eirís, Santa Margarida, Elviña, Nostián, Zalaeta e San Pedro de Visma. Para máis información sobre estes encontros, pódese visitar www.coruna.gal/conversascoalcalde, así como consultar os vídeo-resumos das anteriores sesións na canle oficial do Concello en Vimeo, www.vimeo.com/concellocoruna.