O Concello abre a convocatoria para solicitar o uso de 51 instalacións deportivas de cara á vindeira tempada

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 27/07/2018 - 00:21 / Etiquetas: concello da coruña

 

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento abrirá este venres a convocatoria de asignación de usos das instalacións deportivas municipais, de cara á vindeira tempada, para adestramentos, competicións deportivas e execución de programas de actividade física que promovan a integración e a reinserción social. Entre as novidades da convocatoria, que se publicará na sede electrónica municipal, sitúase a aplicación da modificación da ordenanza fiscal que regula o uso das instalacións e que supón a desaparición da concesión de patrocinios; así como a inclusión das instalacións que pertencen á Universidade da Coruña (UDC), como as pistas de atletismo de Elviña, nas que o Concello investiu un montante de 300.000 euros para a súa renovación e acondicionamento.

A convocatoria da tempada 2018 - 2019 atinxe a un total de 51 instalacións deportivas, como son, entre outras, as aulas, pistas, frontóns, salas de musculación ou polideportivas das cidades deportivas de Riazor e da Torre; os campos de fútbol de San Pedro de Visma 1 e 2, Zapateira, Eirís, Rodrígo García Vizoso, Víctor Fernández Alonso ou Virxe do Carme; os centros de esgrima e de halterofilia da Casa da Auga; ximnasios de polideportivos ou piscinas; así como pistas de chave, pádel, tenis ou patinaxe. Ademais, e en virtude do convenio de colaboración que mantén o Concello coa UDC, inclúense tamén equipamentos públicos como as novas pistas de atletismo ou o campo de herba natural de Elviña, así como o pavillón de deportes do campus de Riazor.

Os usos nas instalacións estenderanse desde o 1 de setembro de 2018 até o 30 de xuño de 2019, agás no caso do campos de fútbol municipais, cuxo período de uso será do 1 de setembro ao 30 de maio. Quedarán excluídas da convocatoria, pois, as peticións para datas comprendidas entre o 24 de decembro e o 6 de xaneiro, Semana Santa e os meses de xullo e agosto, con excepción dos calendarios oficiais de competición. Os axentes que desexen utilizar os equipamentos nestes períodos deberán solicitalo de xeito expreso e xustificado por rexistro de entrada e con antelación.

Uso gratuíto das instalacións

Unha das novidades que se introducen de cara á nova tempada é a aplicación da modificación da Ordenanza Fiscal no 15, que supón a supresión do concepto de patrocinio, de xeito que se universaliza o dereito ao uso gratuíto das instalacións. A exención de taxas tanto nos adestramentos como nas competicións deportivas federadas deriva en que as entidades deportivas usuarias, se así o consideran, poderán percibir retribución pola entrada de asistentes nos días de competición --neste caso os controis de acceso ao recinto serán a cargo da entidade organizadora, baixo supervisión municipal--.

Á presente convocatoria de usos de instalacións poderán concorrer entidades deportivas locais, centros educativos ou asociacións sen ánimo de lucro co obxectivo da realización de actividades vinculadas a adestramentos --exercicio físico regulado, cuxo obxectivo principal é a participación e consecución dun resultado deportivo en competicións, tanto no ámbito federativo como outras recoñecidas pola administración autonómica ou local-- e actividades destinadas á inclusión de diversidades ou reinserción social, co obxectivo de que as persoas participantes dispoñan dunha nova ferramenta para a integración.

Os criterios que se establecerán á hora da asignación dos usos das instalacións para a realización de actividade deportiva vincularanse aos niveis de competición, o número total de licenzas federativas e licenzas femininas, a categoría de competición por idades, o número de socias e socios da entidade solicitante ou a porcentaxe de ocupación de usos na convocatoria anterior, ademais de non contar con instalacións propias. No caso das actividades físicas, primarán os criterios de promoción do deporte para persoas con diversidade ou que se atopan en risco de exclusión social, a promoción do deporte feminino e non dispoñer de instalacións propias. Os usos, segundo establecen as bases, distribuiranse sobre as franxas horarias que estean dispoñibles unha vez estean feitas as reservas a favor do Servizo Municipal de Deportes, en aplicación dos convenios cos centros educativos ou coas necesidades da UDC. Ademais, e como novidade da presente edición, garantiranse, como mínimo, dúas horas libres á semana de cada tipo de instalación, coa finalidade que poidan ser usadas por calquera entidade sempre e cando reúnan todas as condicións solicitadas nas bases e teñan formalizado o correspondente alugar.

As solicitudes deberanse facer empregando o modelo dispoñible no web municipal e deberanse presentar, preferentemente, por vía electrónica ou a través dos rexistros de entrada das instalacións deportivas municipais -- nas cidades deportivas de Riazor e Torre ou polideportiva do Barrio das Flores-- ou en calquera rexistro municipal. O prazo de entrega das solicitudes finalizará quince días despois da súa publicación oficial na páxina web www.coruna.gal/deportes .

Subvencións a entidades deportivas

Por outra banda, a Xunta de Goberno local aprobará mañá a convocatoria de subvencións para entidades sen ánimo de lucro para a promoción e o fomento da práctica deportiva no termo municipal durante o presente exercicio. Entre as novidades da presente edición, o Concello recuperará o tope máximo de subvención por entidade de 4.000 euros e, de cara a xustificación da mesma, terase en conta o coeficiente de financiamento que representaba o importe solicitado de subvención con respecto ao importe da actividade --o montante subvencionado acadará, como máximo, o 80% do custo total da proposta--.

As iniciativas que poderán ser obxecto da subvención son as que se vinculan á programación de actividades deportivas reguladas, os programas de actividade física para a mellora da condición física das persoas usuarias, as propostas relacionadas coa promoción do deporte en sectores sociais especiais --por razón de idade, condición ou situación persoal-- ou do fomento de deportes tradicionais e autóctonos, ou a organización de actividades deportivas de carácter extraordinario.

Nesta convocatoria, á que se destinarán 120.000 euros, poderán participar todas aquelas entidades deportivas sen ánimo de lucro que teñan a súa sede na cidade, sempre e cando non conten cun convenio nominativo de asignación directa --agás no caso de participar en fases finais de campionatos oficiais--. As solicitudes deberanse presentar, preferentemente, a través do rexistro municipal do Pazo dos Deportes de Riazor, nun prazo máximo dun mes a partires da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Finalmente, tamén a Xunta de goberno dará maña venres luz verde aos convenios nominativos que o Concello da Coruña subscribirá coa Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC) e o Club Basquet Coruña, por valor de 200.000 e 85.000 euros respectivamente, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva entre as usuarias do tecido de base local.