O Concello abre a segunda fase do proceso de Orzamentos Participativos

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 31/05/2018 - 00:11 / Etiquetas: concello da coruña, presupuestos participativos

 

O Concello da Coruña abre a segunda fase do programa de Orzamentos Participativos, polo cal a cidadanía pode decidir, de xeito directo, o destino de tres millóns de euros nos presupostos municipais do vindeiro ano. Rematada o pasado día 14 a fase de achegas, esta xornada habilítase o período durante o cal a veciñanza poderá apoiar as propostas que considere de maior interese. “As que reciban máis apoios serán as que, posteriormente, unha vez analizada a súa viabilidade definitiva e taxadas, pasarán á fase de votación”, comentou a concelleira de Participación, Claudia Delso, que amosou a súa satisfacción polas cifras que arroxa o proceso, “moi por riba dos obxectivos e as expectativas plantexadas”.

Durante a fase de achegas, a cidadanía da Coruña presentou na plataforma dixital que dá soporte a este proceso un total de 909 propostas para levar a cabo proxectos tanto de cidade como de distrito. As cifras superan en moito as acadadas nas dúas anteriores edicións. En concreto, e segundo explicou a concelleira, “estamos a falar dun aumento dun 31% no número de propostas en relación co ano pasado, cando se presentaron 628, e dun 43,2%, case o dobre, con respecto a 2016, cando o número de achegas foi de 516”. Ademais, a responsable municipal fixo fincapé noutro factor que, ao seu xuízo, referenda a madurez do proceso dos Orzamentos Participativos: o número de propostas inicialmente viables supón un 77% do total das presentadas, fronte ao 68% do pasado exercicio. “Todos estes datos son indicadores claros de que a cidadanía da Coruña coñece o programa e o seu funcionamento e ademais participa, o que evidencia que é posible facer as cousas doutro xeito”, comentou.

Propostas de distrito e de cidade

Dos tres millóns de euros reservados para os Orzamentos Participativos, dous millóns destinaranse a financiar propostas de investimento que se repartirán, equitativamente, entre os dez distritos da cidade, mentres que un millón ten como obxectivo sufragar iniciativas dirixidas ao conxunto da cidade. Delso indicou que, durante a fase de achegas, as propostas de cidade sumaron este ano un total de 231, fronte ás 196 de 2017. Do mesmo xeito, tamén medra o número de propostas presentadas nos distritos, un total de 678 iniciativas. “Ademais, cómpre destacar que este ano se dobran as propostas presentadas para os distritos 2,6,7 e 9”, comentou.

Logo da análise levada a cabo polos servizos técnicos municipais, o número de propostas rexistradas e viables, polo menos de forma inicial, e que polo tanto se poderán apoiar nesta fase, suma 696. Destas, 169 correspóndense a propostas de cidade, mentres que 527 son de distrito. A titular de Participación explicou que os distritos con maior número de propostas viables na edición deste ano son o 9, o 10, o 6 e o 8.

Diversidade

A concelleira Delso chamou a atención sobre a diversidade de temáticas das propostas presentadas pola cidadanía na fase de achegas, se ben salientou que as que se presentan en maior número son as referidas a proxectos relacionados coas infraestruturas e o medio ambiente, igual que no ano 2017. A pluralidade está presente tanto nas propostas presentadas, como na súa propia orixe. “É moi importante subliñar a alta participación do tecido asociativo da cidade neste programa. Segundo os nosos cálculos, un total de 40 entidades fixeron propostas, prioritariamente asociacións veciñais, aínda que tamén outras que traballan nos ámbitos sociais. Entre todas elas sumaron 116 propostas, das cales 99 foron cualificadas de viables, unha porcentaxe altísima que pon de relevo, ademais, o profundo coñecemento da cidade que teñen estas entidades”, manifestou.

Requisitos de participación

En canto ás datas, a concelleira explicou que esta segunda fase de apoios durará até a media noite do 13 de xuño. Calquera persoa con 16 anos cumpridos e empadroada na Coruña poderá apoiar e dar prioridade a todas as propostas de cidade que desexe, así como aos tres distritos que escolla. “A fase que agora comeza é importante para que as propostas poidan pasar á fase de avaliación técnica e, finalmente, á fase de votación final. Só as máis apoiadas poderán optar a ser executadas tras a análise dos servizos técnicos municipais, que son os encargados de estudar a súa viabilidade e a taxar o seu valor, algo que é tamén fundamental”, dixo.

Para apoiar ou dar prioridade ás propostas non é preciso ter participado na primeira fase de achegas. Iso si, ademais dos requisitos fixos (ser maior de 16 anos e estar empadroada na Coruña) é necesario rexistrarse na plataforma web www.aportaaberta.coruna.es . Non obstante, e para facilitar a participación de toda a cidadanía, do mesmo xeito que na primeira fase, continúan operativos os denominados puntos de apoio habilitados nas bibliotecas municipais, os centros cívicos, o CMIX e a Federación de Asociacións Veciñais. Calquera persoa que o precise pode acudir presencialmente e recibirá axuda para poder apoiar as propostas, así como rexistrase no proceso ou consultas dúbidas, algo que tamén poderá solucionar cunha chamada ao teléfono municipal do 010. En todos os puntos de apoio, ademais, está dispoñible unha relación impresa de todas as propostas que se poden apoiar, para que calquera persoa poida consultar sen necesidade de acceder á plataforma dixital.

Microvídeos

Por outro lado, a concelleira Delso comentou que, co obxectivo de animar á participación, a cidadanía pode gravar co seu móbil un vídeo explicando tanto a súa proposta, no caso de tela presentado, como o motivo de apoiar unha ou outra. Estas pezas poden enviarse ao correo presupostos.participativos@coruna.es , aínda que tamén se ofrece a opción de acudir a un dos dous espazos de gravación que se habilitarán durante toda a tarde dos días 4 e 6 de xuño no Centro Ágora e na Biblioteca Municipal do Castrillón, respectivamente.