O Concello abre durante a primeira semana de xuño o período de solicitude para optar a unha praza no programa Vacacións e Turismo Social para Maiores

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Dom, 27/05/2018 - 00:41 / Etiquetas: concello da coruña, Turismo Mayores

 

A Concellería de Xustiza Social e Coidados abrirá durante a primeira semana de xuño o prazo para solicitar unha praza gratuíta no programa de Vacacións e Turismo Social para Maiores 2018/2019, que permite acceder ás quendas de viaxes organizadas polo Imserso. As persoas que queiran optar a unha praza poden presentar a solicitude entre o 1 e o 8 de xuño, en horario de 09.00 a 13.30 horas, de luns a venres na Oficina Municipal de Dependencia, Maiores e Discapacidade (OMAD), situada na rúa Doutor Enrique Hervada, número 4.

O programa está dirixido a persoas que sexan pensionistas (xubiladas, viúvas de máis de 55 anos, ou beneficiarias doutros subsidios que superen os 60 anos), estean empadroadas na Coruña e teñan unha renda anual inferior a 1,6 veces o IPREM do pasado ano (12.031,34 euros). Ademais, as persoas solicitantes deberán ter a autonomía suficiente para manexarse nas tarefas básicas diarias e non padecer enfermidades que poidan alterar a convivencia durante a viaxe. Os impresos de solicitude, que están dispoñibles na rede municipal de centros cívicos e tamén na propia OMAD, débense presentar xunto a fotocopia do DNI, xustificante mensual da pensión e unha autorización en favor do Concello da Coruña para a consulta dos datos tributarios de 2017 ou fotocopia da declaración da renda. As persoas solicitantes poden participar co seu cónxuxe ou parella de feito legal, que non ten porque cumprir os requisitos, e tamén de fillos ou fillas con un grao mínimo do 45% de diversidade física ou psíquica recoñecida.

As listas provisionais de persoas admitidas poderanse consultar desde setembro na propia OMAD, nos centros cívicos, no servizo telefónico 010 e na web www.servizossociais.coruna.es (sen que a inclusión das mesmas supoña un recoñecemento por parte dos servizos municipais de que todas as persoas reúnen os requisitos esixidos polo Imserso para acceder ás prazas). A partir de decembro deste ano, os e as admitidas recibirán no seu domicilio unha carta informativa onde se indicará o destino e a quenda da viaxe. Ademais, as persoas que se atopen na lista de espera e que finalmente resulten admitidas, serán avisadas telefonicamente.

O Concello advirte tamén de que a duplicidade de solicitudes no Concello e no programa do Imserso suporá a validación da solicitude municipal. Deste xeito, as persoas que se inscriban na convocatoria municipal non recibirán en setembro a carta informativa do Imserso, ao xa ter cursado a súa solicitude.