O Concello abre hoxe o prazo de preinscrición para o programa de actividades socioculturais nos centros cívicos

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 03/09/2018 - 00:17 / Etiquetas: concello da coruña

A Concellería de Xustiza Social e Coidados inicia hoxe o período para inscribirse nas actividades socioculturais que se imparten ata final de ano nos centros cívicos da cidade e que incorporan, nesta segunda convocatoria do ano, dous novos obradoiros. O prazo para preinscribirse nas actividades está aberto os días 3, 4 e 5, nos que será preciso presentar no centro cívico no que se desexe realizar o obradoiro o modelo oficial de solicitude debidamente cumprimentado. Este formulario está dispoñible tanto nos centros cívicos como na web www.coruna.gal/serviciossociales, onde tamén se pode consultar a información da oferta de cursos dispoñibles de cada centro. As actividades comezarán a semana do 24 de setembro e finalizarán a semana do 10 de decembro de 2018.

As actividades están divididas por idades, de xeito que hai algunhas enfocadas á infancia, á mocidade, a un grupo interxeracional (a partir de 16 anos) e para maiores de 55 anos. Así, formaranse un total de 442 grupos nos 22 centros cívicos da cidade, seis máis que na pasada convocatoria. As diferentes actividades manteñen as tipoloxías de edicións anteriores, como son as actividades físicas e deportivas --que se propoñen para 132 dos grupos--, as cognoscitivas, a educación compensatoria, as plásticas, as actividades domésticas, os idiomas, as novas tecnoloxías, a expresión corporal, o coñecemento persoal, as de música ou artes dramáticas ou as actividades lúdicas, entre outras. A estas clases, súmanse os novos talleres de iniciación ao DJ para xuventude que se impartirá nos centros cívicos de Eirís e Labañou, e o obradoiro de vida afectiva e sexual para o sector interxeneracional en Os Mallos. Tamén continúa unha das novidades da última convocatoria, os talleres de autodefensa persoal para mulleres (maiores de 18 anos) en San Diego.

Para solicitar a preinscrición nos cursos é preciso ter a idade esixida no momento de presentación da solicitude. Ademais, cada solicitante só poderá solicitar tres actividades por centro cívico, e deberá facelo entregando un só impreso de solicitude ao que será outorgado un número. Un vez rematado o prazo de inscrición, realizarase o sorteo público das prazas, que será o día 5 ás 20.15 horas. As listas de persoas admitidas e en espera elaboraranse a partir do número escollido, por orde correlativa, e estarán expostas nos centros cívicos a partir do 19 de setembro. Tamén se poderán consultar na páxina web ou no teléfono de Información Cidadá 010. O prazo de inscrición é do 19 ao 21 de setembro, un trámite que inclúe o pago das taxas públicas de cada actividade.