O Concello abre o prazo de inscrición do programa formativo en consumo para persoas adultas da OMIC

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 18/09/2018 - 10:49 / Etiquetas: concello da coruña

A Concellería de Emprego e Economía Social informa de que a Oficina Municipal de Información ás Persoas Consumidoras (OMIC) abre o prazo de inscrición para participar nas charlas e obradoiros do seu Programa Formativo en Consumo até final de ano, unha iniciativa dirixida á cidadanía maior de 18 anos e que ten como obxectivo achegar ás persoas consumidoras cuestións vinculadas aos seus dereitos, así como mecanismos para exercer a defensa ou reclamación.

As charlas do programa, de temática diversa e que teñen unha duración aproximada de hora e media, impártense unha vez ao mes na propia oficina, situada na Costa da Palloza. Para poder asistir é necesario facer a inscrición previa, a partires de mañá, martes 18, a través da súa páxina web, www.coruna.gal/omic, xa que cada curso, que é gratuíto, dispón de 15 prazas. Nesta ocasión, comezarán o vindeiro venres 28, coa primeira proposta titulada O bono social eléctrico. No mes de outubro, o xoves 4, ofertarase a proposta Comprender a factura da luz. Xa no mes de novembro, o día 29, achegarase información respecto á realización de Compras seguras en Internet e, finalmente, o 14 de decembro abordarase o Consumo ecolóxico no Nadal.

A OMIC, dependente da área que dirixe o concelleiro Alberto Lema, ofrece anualmente este programa formativo, que se complementa con outras actividades para todos os públicos que desenvolve ao longo de todo o ano. Para máis información sobre a súa programación ou calquera tipo de dúbida, pódese chamar ao teléfono 981.189.820, ou escribir ao correo omic@coruna.es