O Concello acomete a mellora e renovación da senda peonil entre a Falperra e a Ronda de Nelle

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 20/08/2018 - 00:03 / Etiquetas: Concello da Coruña Regata Bandeira

O Concello comezará a acometer esta semana obras de mellora e ampliación da senda peonil que comunica A Falperra (concretamente, dende o antigo lavadoiro) coa rolda de Nelle. Segundo destacou o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, "trátase dunha actuación cun orzamento axustado, de algo máis de 36.000 euros, pero co que damos resposta a unha vella demanda da cidadanía, que foi solicitada, de feito, dentro do programa de Orzamentos Participativos". A actuación servirá non só para mellorar a aparencia e condicións desta parte do espazo público de tránsito peonil, senón tamén para facer que o percorrido incremente a súa seguridade e accesibilidade.

Así, tras a intervención, o ancho deste camiño quedará ampliado até os 2,20 metros nos puntos máis angostos, chegando até os 2,60 metros. A actual solución de pavimento aglomerado mudará por unha superficie de lousa de formigón de 20 centímetros de grosor, de maior durabilidade. "Ademais, e atendendo ao expresado pola veciñanza da zona, a actuación que acometeremos supón a colocación dunha varanda de protección de máis dun metro de altura dun dos laterais do camiño, mentres que o oposto, que se atopa pegado ao terreo, estará rematado cun bordo axardinado", explicou o titular de Rexeneración Urbana, que indicou como o novo paso peonil, que contará con máis zonas verdes nos bordes, evitará que os e as persoas que o usen, esvaren no mesmo.