O Concello acomete a renovación do firme nos Rosales

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 18/09/2018 - 11:05 / Etiquetas: concello da coruña

O Concello iniciou as obras de renovación do firme no polígono dos Rosales, que contan cun orzamento de máis de 776.000 euros e que, segundo a previsión, rematarán antes de que finalice o ano. O titular de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, manifestou a súa satisfacción polo inicio dunha actuación "que ten carácter integral e de gran impacto no espazo público". A obra non se limita unicamente á renovación do pavimento e asfaltado, senón que tamén se centra na mellora dos pasos de peóns e a sinalización horizontal, o que se traduce nunha mellora considerable da accesibilidade e a seguridade no barrio. Os traballos forman parte do paquete de medidas comprendidas nos investimentos financeiramente sostibles aprobados a finais do ano pasado en Pleno con cargo ao remanente líquido de tesourería de 2016.

A actuación nos Rosales consiste na renovación dos firmes de calzada nas rúas Manuel Azaña, Castelao e Simón Bolívar, así como a calzada correspondente á beira dos números pares de Emilio González López (e as sete zonas de estacionamento que conectan con Bolívar). Só a renovación destes ámbitos suma case 50.000 metros cadrados de calzada.

Esta intervención compleméntase, ademais, co repintado de toda a sinalización horizontal (paradas de autobús, límites de estacionamento, liñas de calzada, pasos de peóns) dos citados espazos, ademais de na rúa Alcalde Suárez Ferrín, e na zona impar de Emilio González López. Esta obra renovará a práctica totalidade dos cruces dos pasos de peóns do barrio.

En canto aos tempos de execución, as obras, que comezaron este luns, inícianse coa actuación nas calzadas transversais entre as rúas Simón Bolívar e Emilio González López. Tras isto pasarase á calzada correspondente aos número pares en Emilio González López, para continuar coas actuacións en dirección a Manuel Azaña.