O Concello acorda con Fenosa as obras necesarias para dar conexión eléctrica ao Ofimático

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 27/04/2018 - 06:11 / Etiquetas: concello da coruña, Ofimático

 

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, reuniuse este xoves co delegado provincial de Unión Fenosa Distribución para fixar unha “folla de ruta vinculante” que definirá os traballos e trámites a realizar por ambas partes para prover ao Parque Ofimático de conexión eléctrica, paso necesario para que o Concello poida outorgar as primeiras licenzas de primeira ocupación aos e ás veciñas do barrio. Como salienta Varela, as obras de urbanización municipais están practicamente rematadas, a falta da conclusión do pintado da sinalización horizontal no sector que, segundo avanza, quedará listo na xornada de mañá. A outra actuación ten que ver coa urbanización dos terreos onde na actualidade se asentan as torretas do tendido eléctrico, e que se realizarán “tan pronto como Fenosa proceda á súa desmontaxe”, de xeito que a urbanización deste sector do barrio estará finalizada, segundo os prazos acordados hoxe, no mes de xullo.

Tal e como expón o responsable municipal, para que sexa posible a retirada destas estruturas eléctricas por parte de Fenosa, mañá mesmo iniciaranse os traballos para o reforzo eléctrico das vivendas da marxe dereita de Alfonso Molina, “unha obra necesaria para que non queden sen conexión unha vez que se corte a liña de media tensión do Parque Ofimático”, para quedar rematados e con subministración a finais de maio, segundo se marcou na xuntanza deste xoves. Acto seguido, Fenosa procederá á retirada das torretas que sostiñan o tendido aéreo do Ofimático, uns traballos que teñen un prazo previsto de execución dunha semana. “Deste xeito, e segundo a folla de ruta acordada, os e as cooperativistas estarían en disposición de iniciar na primeira semana de xuño as solicitudes a Fenosa e tramitar coa compañía a provisión de servizo para ter a conexión coa rede de distribución, condición necesaria tamén para que o Concello poida outorgar as primeiras licenzas de primeira ocupación”, advirte Varela. Tan pronto como estean desmontadas as torretas eléctricas, e en paralelo á tramitación dos e das cooperativistas con Fenosa, o Concello poderá abordar a obra de urbanización definitiva dos espazos onde están instaladas as estruturas, que serían as últimas obras que restan nesta parte do polígono e que teñen unha planificación de catro semanas.

A xuntanza desta mañá, na que se consensuou entre as dúas partes a comunicación dos pasos que se seguirán desde hoxe para a conexión eléctrica do Ofimático, serviu tamén para avanzar na formalización dos convenios entre o Concello e Unión Fenosa Distribución relativos ao soterramento das liñas aéreas de media e baixa tensión existentes no Parque Ofimático. Segundo se consensuou, Fenosa realizará mañá a verificación da infraestrutura existente –tanto da executada nestes últimos meses como a que se realizou durante o anterior contrato de obras de urbanización–, unha vez subsanadas por parte do Concello as deficiencias que foran detectadas. Isto permitirá a sinatura definitiva dos convenios, previa remisión dunha documentación complementaria por parte dos servizos municipais. Neste sentido, Varela avanzou que nunha semana este trámite estará realizado e os convenios poderán facerse efectivos, a finaos da vindeira semana. Nese momento, Fenosa poderá solicitar á Consellería de Industria a alta na subministración e iniciar estes trámites.