O Concello activa a descentralización da atención social nos barrios

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 18/09/2018 - 10:53 / Etiquetas: concello da coruña

O alcalde, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, visitaron este luns os centros cívicos de Labañou e dos Mallos, dous dos equipamentos municipais onde, dende onte, está en marcha a descentralización da atención social a través de equipos profesionais completos, xunto cos de San Diego, Elviña e Monte Alto. O rexedor recordou que, dentro da aposta decidida do goberno local por poñer a xustiza social no centro das políticas municipais, neste mandato o Concello implementou distintas medidas encamiñadas a mudar o modelo de atención social existente na cidade. "Hoxe, día no que entra en vigor o proceso de descentralización nos barrios dos equipos de atención social, damos un importante paso encamiñado a ofrecer unha atención máis áxil e máis próxima en todos os sentidos. Aproximamos os servizos sociais aos barrios e poñemos en marcha un novo modelo de atención máis cercano e, polo tanto, que poderá resolver máis rápido as problemáticas e as necesidades que se plantexen", explicou. "Este proceso de descentralización completa moitos outros cambios introducidos estes anos, como o Servizo de Atención Inmediata (SAI), co que conseguimos reducir de forma notable as listas de espera no eido da atención social", comentou.

A concelleira Silvia Cameán destacou todo o traballo realizado nas últimas semanas polo persoal dos servizos sociais "para ultimar tanto o traslado físico dos equipos de atención como a reorganización das persoas que fan uso destes servizos". Tal e como explicou a responsable municipal, no proceso de descentralización fíxose tamén un labor de reasignación de traballadores e traballadoras sociais a partir da nova reorganización territorial, "na que se puxo especial coidado en respectar ás veciñas que preferiron manter a súa profesional de referencia, porque non era convinte expoñela a este cambio ou porque se considera que é relevante manter a relación profesional xa iniciada". Ademais, tal e como salientou tanto o alcalde como a titular de Xustiza Social, "a concellería tamén activou un sistema de seguimento para avaliar calquera desaxuste ou incidencia que poida xurdir neste proceso de descentralización".

"Os equipos de atención social seguirán, de forma máis próxima en todos os sentidos, a dispensar os servizos que até agora se levaban a cabo, como o propio servizo de atención inmediata, o de valoración, orientación e información, o de xestión de prestacións e emisión de informes e o de educación e apoio familiar", comentou o rexedor, que engadiu que, non obstante, o seu correcto desenvolvemento será avaliado por un total de cinco grupos de traballo encargados de analizar o servizo e introducir as melloras necesarias.

Na súa comparecencia ante os medios, tanto Ferreiro como Cameán salientaron que "estamos ante un proceso vivo". "Non só temos grupos de traballo que van ver se é preciso introducir melloras, senón que imos ir incrementando este proceso descentralizador. Este que damos hoxe é un primeiro paso, pero a idea é ir aumentando este servizo, que se expandirá a máis centros cívicos", avanzou a titular de Xustiza Social.

Concurso de Vivenda

Por outro lado, e a preguntas dos medios, o alcalde referiuse ao texto que publicou esta xornada no seu blog da web municipal do Concello, referido ao Concurso de Adquisición de Vivenda Pública. "O goberno local da Coruña foi moi ambicioso dende o primeiro día coas políticas de vivenda que puxo en marcha. Nesa liña, botamos a andar un programa pioneiro destinado a aumentar un parque de vivenda municipal moi exiguo que debe dar resposta a aqueles colectivos que teñen máis dificultades para acceder a vivendas dignas", dixo. "A burbulla creada foi especialmente cruel nunha cidade coma A Coruña, xa que deixou a moita xente fóra do circuíto inmobiliario e, á vez, derivou na existencia de moitas vivendas baleiras. Por iso puxemos en marcha distintas liñas de acción: puxemos en marcha políticas de rehabilitación, actuamos nos asentamentos precarios e, como sabedes, abordamos un novidoso concurso de adquisición de vivenda pública", recordou.

"Hoxe en día é evidente que o concurso non deu os resultados esperados por todo o que fixemos público e polo feito de que non fomos capaces de aumentar o parque de vivendas municipais sen que houbese problemas procedimentais ou administrativos. Ante esa situación, non cabe máis que dar a cara e asumir o erro. Pedimos desculpas e seguimos traballando, porque ese é o noso compromiso e o noso deber: seguir traballando para facer políticas de vivenda nesta cidade para as persoas que máis o necesitan", comentou.

Ao fío, Ferreiro recordou a rápida resposta dada á solicitude do grupo municipal popular de celebrar un Pleno extraordinario sobre o Concurso de Adquisición de Vivenda Pública, coa celebración dunha sesión este mércores ás 17.30 horas. "A realidade é que este asunto xa motivou a celebración doutro pleno extraordinario no pasado. Este será o segundo no que se aborde este tema. A oposición pode pedir, legalmente, a celebración de dous plenos extraordinarios ao longo do ano. Penso que coa cantidade de asuntos relevantes para a veciñanza da cidade, escoller por segunda vez este tema dá mostra do interese que teñen de usalo unicamente dende o punto de vista partidista", opinou o alcalde. "Insisto, pódense cometer erros, pero non hai ningún elemento sobre a mesa que permita a ninguén falar de discrecionalidade nin de arbitrariedade. Estou moi tranquilo nese sentido", apuntou.

"A responsabilidade que temos é a de seguir avanzando e impulsar políticas de vivenda", sinalou. "É curioso que aquí haxa quen demanda a asunción de responsabilidades cando creo que neste asunto xa se asumiron máis responsabilidades que con temas como o Conde de Fenosa ou Someso. Os tres asuntos xuntos non reúnen tantas responsabilidades procedimentais como as que se levaron a cabo con esta cuestión, empezando por que o propio goberno local foi o que iniciou unha revisión do concurso e o que detectou erros, algo que non fixo antes ningún outro goberno nesta cidade", reflexionou.