O Concello afonda no seu compromiso coa loita contra as violencias machistas

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 30/08/2018 - 00:03 / Etiquetas: concello da coruña

O Concello da Coruña continúa a afondar no seu compromiso contra as violencias machistas, motivo polo que impulsará novas vías de colaboración con outras institucións, nomeadamente, neste caso, coa estatal. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo coa subdelegada do goberno na Coruña, Pilar López-Riobóo, na que se chegaron a unha serie de compromisos para favorecer a coordinación de liñas de actuación tanto en materia tanto de loita contra as violencias, como no referido á protección das vítimas.

Fraga salientou o impulso que o goberno local está a dar para que a Policía Local formalice unha unidade específica de traballo contra ás violencias machistas. "Ter unha cidade libre de violencias é un obxectivo dos corpos de seguridade municipais, que desenvolven un traballo moi amplo neste sentido, e que abarca dende actuacións concretas até charlas e talleres. Non obstante, hoxe demos un novo paso, xa que estamos a estudar a incorporación da Policía Local ao sistema Viogem, que está centrado na protección das persoas que sofren a violencia de xénero", comentou a concelleira. "Este sistema trata de promover as actuacións conxuntas entre corpos locais e estatais para asegurar o cumprimento das medidas de protección acordadas polos órganos xudiciais, por exemplo", indicou Fraga. "Estamos contentas de comezar a dar os primeiros pasos", relatou a concelleira de Igualdade e Diversidade que, recordou non obstante que a inclusión neste sistema require, tal como se explicita no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, dun convenio entre as administracións implicadas (Concello e Ministerio de Interior) para que a Policía Local poida realizar a protección de posibles vítimas unha vez valorado o seu nivel de risco polos corpos de seguridade do Estado.

Por outro lado, goberno municipal e subdelegación acordaron a reactivación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional, un instrumento operativo no que están representados todos os ámbitos municipais implicados na loita contra a violencia de xénero e co obxectivo de optimizar todas as posibles actuacións que se precisen desenvolver. A Mesa conta con representación tanto do Concello e da Subdelegación do goberno, como da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación do goberno de Galicia, o Centro de Atención á Muller (CIM), a Policía Local  e Forzas de Corpos de Seguridade do Estado, así como representantes do tecido social, centros educativos, servizos sanitarios, etc. Entre as funcións deste órgano consultivo figura o establecemento de criterios comúns para a detección e atención en casos de risco, así como poñer en marcha estratexias de sensibilización dirixidas a toda a poboación e colectivos específicos.

A concelleira fixo notar que "no caso do Concello da Coruña está mesa non se convocou dende a súa constitución en 2010". "Esta reactivación ten que vir acompañada de vontade e sobre todo de compromiso, que parece que existe por todas as partes neste momento, para realmente profundar no desenvolvemento de estratexias comúns na loita contra as violencias", indicou.