O Concello amplía a formación en xestión de empresas culturais e pon en marcha un programa gratuíto

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 16/05/2018 - 00:47 / Etiquetas: concello da coruña, Empresas Culturales
Foto: Concello da Coruña

 

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento porá en marcha o vindeiro mes de xuño  Relanza a túa Empresa. Programa superior en xestión de empresas culturais , unha iniciativa gratuíta aberta á cidadanía e que ten como finalidade ofrecer ferramentas para o deseño e xestión dun plan de acción dunha iniciativa ou proxecto empresarial vinculado ao eido cultural, así como para o desenvolvemento de competencias persoais e profesionais orientadas á mellora das entidades artísticas e culturais. A proposta, que se desenvolverá até o mes de outubro, dá continuidade á liña iniciada o pasado curso pola área que dirixe José Manuel Sande, co obxectivo de favorecer a formación en xestión cultural para a creación e consolidación de empresas do sector na Coruña.

O programa, de 72 horas de formación presencial distribuídas en nove xornadas de oito horas cada unha, ofertarase en colaboración coa Galicia Business School. Entre os contidos que se abordarán nas diferentes sesións, e que se dividen en cinco amplos bloques, estarán a proposta de modelo de negocio e o sistema de dirección, a xestión económico-financeira, o marketing e a a estratexia dixital, a eficiencia nas operacións e a dirección de persoal. O curso pecharase cun obradoiro de revisión estratéxica do plan de empresa e a entrega do diploma acreditativo de asistencia e superación do curso. As nove xornadas formativas desenvolveranse no Kiosco Alfonso entre o 4 de xuño e o 1 de outubro, en horario de mañá --de 09.00 a 14.00 horas-- e tarde --de 15.30 a 18.30--. As clases terán lugar todos os luns do mes de xuño --4, 11, 18 e 15--, o 2 de xullo, os luns 10, 17 e 24 de setembro, e o 1 de outubro.

A área de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de abrir o prazo de solicitude para participar no curso, que se dirixe especialmente a persoas empresarias, directivas ou profesionais implicadas na dirección e xestión de empresas culturais da Coruña e área metropolitana, así como para emprendedoras que estean a deseñar ou consolidar un proxecto de xestión empresarial vinculado ao mundo cultural. Todas aquelas veciñas e veciños que desexen solicitar praza, deberán enviar o seu curriculum vitae --especificando a situación profesional actual e a vinculación da traxectoria co eido cultural-- á dirección info@galiciabusinessschool.es antes do 30 de maio. No caso das persoas emprendedoras, ademais, deberase remitir unha síntese do proxecto empresarial que están a deseñar, iniciar ou consolidar.