O Concello anula as multas impostas a causa dun erro informático aos usuarios do aparcadoiro do Parrote sancionados na segunda quincena de abril

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 20/07/2018 - 00:54 / Etiquetas: concello da coruña

 

O Goberno local vén de anular as multas impostas entre os días 14 e 30 de abril aos condutores e ás condutoras que circularon polo Parrote tras saír do aparcadoiro público, un tránsito autorizado e que foi detectado como irregular debido a un problema informático. A Concellería de Mobilidade Sostible indica que, debido a este erro no sistema, non se cruzaron durante dúas semanas os datos dos vehículos que procedían do aparcadoiro coas matrículas rexistradas pola cámara situada no Parrote dos automóbiles que circulan sen autorización pola vía.

A Policía Local procedeu, unha vez detectada a incidencia, a revisar todos os casos de maneira individual e a arquivar as denuncias realizadas baixo esa circunstancia, independentemente do seu estado. Así, devolverase o importe das multas xa abonadas e se anularán as que estean recorridas ou sobre as que as persoas sancionadas non tiveran feito ningún acto.