O Concello aproba este xoves iniciar a licitación do servizo de recollida de residuos

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 24/07/2018 - 13:16 / Etiquetas: concello da coruña, Residuos

O Goberno local prevé aprobar este xoves a licitación do servizo de contenerización, recollida e transporte de residuos urbanos da cidade, un contrato que foi sometido a un proceso pioneiro de consulta pública que permitiu incluír máis dun centenar de achegas da cidadanía e que se basea nas novas directrices de economía circular da Unión Europea. A Xunta do Goberno local autorizará, nunha reunión extraordinaria, o procedemento para a contratación do servizo en dous lotes, un para a xestión dos contedores e outro para a recollida e transporte do lixo en toda a cidade. “Este contrato vén renovar as condicións de prestación dun servizo tan sensible co medio ambiente e co coidado do espazo público como o de recollida de residuos, que tiña máis de 50 anos de antigüidade. Con este prego imos instaurar un sistema de recollida máis sostible, máis adaptado ás necesidades da veciñanza e dos sectores produtivos e que nos permita avanzar na nosa capacidade de redución na produción de lixo e na de reciclaxe”, indica a concelleira de Medio Ambiente, María García.

O contrato, que ten un prazo máximo de duración de oito anos, ten un orzamento base de licitación de 15.012.292,87 euros por ano, que se dividen entre os 2.845.580,32 euros estimados para o lote correspondente ao servizo de contenerización e os 12.166.712,55 euros para a retirada do lixo e o seu traslado á planta de xestión. As bases para a contratación do servizo, explica a concelleira, apostan pola separación da materia orgánica, a atención especial aos grandes produtores de residuos orgánicos e un plan especial de recollida para as zonas de alta concentración hostaleira, un sistema de pago por xeración que se irá implementando a través de cambios nas ordenanzas, a renovación dos camións de recollida, a posta en marcha de sistemas de control de ruído e os procesos de control de calidade, así como a obriga de levar a cabo campañas de educación ambiental e o apoio a iniciativas de economía social. Ademais, García sinala que a empresa adxudicataria do lote de contenerización deberá realizar unha actualización do parque de contedores, incrementar o número dos dedicados a recollida de papel e vidro e manter un 25% de contedores adaptados para persoas con diversidade funcional. “Os pregos recollen ademais que o Concello realizará un control de calidade, con parámetros ben definidos, sobre as adxudicatarias e introducen cláusulas sobre as condicións laborais dos e das traballadores, ademais doutras de xénero, ambientais ou lingüísticas”, resume.

Achegas de 27 entidades

A Concellería de Medio Ambiente aplicou no proceso para a afinación das bases do contrato “un sistema de consulta pública previa que garante a transparencia, a pluralidade, a participación e a efectividade e que nunca se levara a cabo nin en Galicia nin no Estado”, recorda García. “Abrimos á sociedade a definición do contrato dun servizo público no que gastamos máis de 15 millóns ao ano, engadimos as achegas de diferentes entidades que serviron para ter uns pregos máis atinados e que reflictan as necesidades de diferentes sectores”, apunta. No período habilitado para a consulta, un modelo que xa se está a replicar noutras cidades, a Concellería de Medio Ambiente recolleu un total de 170 achegas de 27 fontes -empresas, asociacións de hostalería, comercio e veciñais, federacións veciñais e de comercio, asociacións ecoloxistas, representantes dos e das traballadoras e persoas a título particular--, tanto a través da consulta formal, como por canles informais, derivadas das 11 entrevistas mantidas pola concelleira con diversos axentes.