O Concello colabora coa Fundación María José Jove para a realización dun concerto e dúas exposicións

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 06/06/2018 - 00:44 / Etiquetas: concello da coruña, fundación maría josé jove
Foto: Concello da Coruña

 

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou este martes dous convenios de colaboración coa presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, para a realización de dúas exposición e un concerto que “contribuirán a facer a cultura máis accesible para toda a veciñanza”. Ferreiro resaltou que este tipo de acordos entre o Concello e as entidades sociais “son un mecanismo imprescindible para fortalecer o extenso e diverso tecido social, creativo e cultural que nutre a cidade”. En virtude dos dous convenios asinados hoxe, A Coruña acollerá nos próximos meses tres eventos “que alimentarán a premisa de ter unha cultura máis accesible para todos e para todas”. “Unha premisa que encaixa co noso desexo e co rumbo que marcamos dende o Concello para ter unha Coruña máis próxima”, apuntou Ferreiro.

O primeiro dos actos culturais a celebrar é un espectáculo gratuíto que mistura humor e música, o Concierto para Zapata y Orquesta , que se levará a cabo nun espazo municipal, o Pazo da Ópera, e coa participación da Orquestra Sinfónica de Galicia. A iniciativa, aberta a todos os públicos, terá lugar o mércores 27 de xuño ás 19.00 horas. As entradas para o espectáculo poderanse retirar entre o 11 e o 22 de xuño no despacho de billetes do Pazo da Ópera, até esgotar os 1.700 convites dispoñibles. A segunda das propostas chega da man dun libro de fotografía editado en conmemoración do 15o aniversario da Fundación, e que inclúe retratos das usuarias e dos usuarios dos distintos programas da entidade. Estas fotografías, realizadas nos dous últimos anos, poderanse ver, en gran formato, na Mariña entre o 19 de xullo e o 31 de agosto. Por último, durante o mes de novembro, a exposición Mirar con tacto. Espazo de Arte Accesible instalarase na sala municipal da Casa da Cultura Salvador de Madariaga, situada en Durán Loriga. A mostra contará con obras de Dalí, Juan Genovés e Cristino Mallo, ademais de distintas reproducións da colección propia da Fundación, “unha iniciativa na que se ofrecerán vías para que as persoas cegas poidan coñecer e experimentar obras de arte do último século”, destacou o alcalde.

Pola súa banda, Felipa Jove agradeceu este martes “a boa predisposición e sensibilidade do goberno local á hora de apoiar a celebración do 15o aniversario da Fundación con toda a cidadanía”. A responsable da entidade salientou que a programación para festexar estes quince anos, “nos que milleiros de familias de toda Galicia, en particular nenas, nenos e persoas con diversidade funcional se beneficiaron de distintos programas de lecer, saúde, educación ou promoción cultural”, ten como finalidade achegar á veciñanza o traballo que están a realizar “para acadar unha sociedade inclusiva, en si mesma”. O alcalde, que felicitou á fundación polos seus 15 anos de traxectoria, apuntou que, “sen que as administración públicas deleguen as súas responsabilidades de crear unha sociedade integradora e que non esqueza as necesidades de ninguén, sempre é fundamental contar co traballo de entidades que non só melloran a nosa sociedade senón que crean un tecido social máis forte, máis implicado e eleva o noso nivel de esixencia como sociedade”.