O Concello da Coruña amosa a súa disposición a colaborar na acollida de persoas refuxiadas

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 13/06/2018 - 00:53 / Etiquetas: concello da coruña, Refugiados

 

O goberno local da Coruña traslada ao Goberno do Estado a súa disposición a colaborar na acollida de persoas refuxiadas, como no caso das que se atopan no buque Aquarius , o que significa continuar na liña de traballo que mantén o Concello, “que leva tempo a poñer recursos propios a disposición das veciñas e veciños solicitantes de protección internacional”. O alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, reiterou hoxe este compromiso da Coruña, “unha das cidade refuxio que durante estes últimos anos veñen pelexando practicamente en solitario fronte a Administración central” para facer fronte, dende as súas posibilidades, no salvamento das persoas refuxiadas. O Concello dirixirá unha carta ao Goberno do Estado para formalizar o seu ofrecemento, na que tamén lle fará unha “petición extraordinaria de responsabilidade á hora de rectificar as políticas previas en materia de solicitantes de protección internacional”.

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, apunta que “as cidades precisan do compromiso da administración central, quen é que ten a competencia neste asunto, para cumprir coas obrigas adquiridas no eido internacional”. “Precisamos da colaboración para ter todos os medios posibles para realoxar a aquelas persoas que así o precisen, non só neste caso, senón tamén para dar a mellor resposta ás miles de persoas que chegan ao noso país por medios propios e solicitan asilo”, afirma. Por iso, Fraga reclama “que o programa estatal de refuxio conte coas cidades como axentes fundamentais e que se mellore esta iniciativa para que sexa sostible, flexible e participada, e facilite a inclusión real das persoas”.

O Goberno local pide tamén que o Goberno do Estado poña fin “ás devolucións ilegais e garanta a todas as persoas a solicitude de acceso á protección internacional”, especialmente no caso dos grupos máis vulnerables, e reclama o compromiso do novo Executivo central para impulsar “políticas internacionais garantistas dos dereitos humanos”.