O Concello impulsa a reforma do complexo deportivo que dotará á veciñanza do Castrillón dunha piscina pública

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 23/08/2018 - 09:12 / Etiquetas: concello da coruña

O executivo municipal impulsará este venres a reforma do complexo deportivo do Castrillón, polo cal a cidadanía deste barrio da Coruña poderá ter acceso a unha piscina pública. Está previsto que a Xunta de goberno local dea luz verde ao anteproxecto da obra de reforma e adecuación do equipamento para o que, ademais, se reservarán 2,5 millóns de euros, aportacións que o Concello lle fará á Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA), ente municipal encargado da construción e explotación deste espazo. Segundo destaca o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, "desta forma, queda completamente asegurado que estas instalacións deportivas serán 100% públicas".

"Estamos a dar un paso especialmente significativo que posibilitará que sexa este goberno local o que poña a punto un complexo deportivo, dotado de piscina municipal, que leva máis dunha década sendo unha promesa de distintos executivos", salienta Sande. Foi en 2012, cando a administración local coruñesa resolveu encomendarlle á EMVSA a xestión da construción e explotación deste complexo deportivo de servizos municipais. Posteriormente, en 2014, a xunta de goberno local aprobou un proxecto básico para a construción dun edificio de seis niveis que contemplaba usos de equipamentos deportivos e comerciais, así como aparcamentos. Este proxecto contaba cunha serie de deficiencias, polo que en 2016, e tras conversas coa veciñanza da zona, o actual goberno local sacou á luz un proxecto renovado, que introducía melloras substanciais, tanto arquitectónicas, como de equipamento. EMVSA estimou en 2,5 millóns de euros o gasto preciso para poder terminar de forma axeitada e mellorada a construción dos espazos deportivos no complexo público. Este montante económico servirá para financiar a posta en funcionamento da piscina climatizada, a pista polideportiva e o ximnasio.

"Así, ante a decisión política deste goberno local de xestionar directamente este espazo deportivo, descartando a colaboración privada pola que avogaba o PP, neste momento, é preciso reconsiderar o carácter gratuíto da encomenda de xestión que lle foi adxudicada a EMVSA en 2012", indica Sande. "Este é o motivo polo que a xunta de goberno local deste venres, ademais de aprobar o anteproxecto de obra, tamén vai proceder a modificar a encomenda de xestión que se lle fixo á Empresa Municipal de Vivenda, incluíndo a obriga do Concello de aportar a este ente municipal a 2.554.257 euros, entre este exercicio e 2019, cantidade destinada a financiar as obras necesarias do proxecto de reforma e adecuación do interior do complexo deportivo", subliña o responsable municipal.

Axustándose ás previsións municipais, esta partida económica distribuirase reservando 498.500 euros para este exercicio, quedando o resto consignado para tal fin nos orzamentos municipais do vindeiro ano. "Por esta razón, a Xunta de goberno local tamén aprobará esta semana a disposición de gasto necesaria para este exercicio", di Sande, que explica que as previsións municipais pasan porque xa este ano se licite a parte da obra correspondente ao ximnasio e o polideportivo.