O Concello impulsará unha rebaixa nas tarifas do transporte público urbano

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 23/05/2018 - 10:15 / Etiquetas: concello da coruña, tranvias, Autobús Coruña

 

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, avanzou este martes que o Concello impulsará unha rebaixa nas tarifas do transporte público urbano, así como unha serie de melloras no servizo. A decisión, tal e como sinalou o rexedor, vén de ser referendada pola propia Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), nun informe publicado esta mesma semana onde o ente analiza e ratifica a folla de ruta emprendida polo goberno local, en resposta á consulta formulada a principios de ano, no curso do expediente de revisión da tarifa do transporte público urbano que tramita o executivo municipal. O informe da CNMC considera, na liña dos postulados municipais, que é preciso que o beneficio que obtén á Compañía de Tranvías, concesionaria do servizo, estea axustado cos mandatos actuais do dereito comunitario. A tal efecto, especifica que “o réxime económico aplicable á empresa concesionaria –que explota o servizo dende o ano 1986 en virtude dunha adxudicación que non pasou por un concurso público– para o ano 2018 necesita, obrigatoriamente, axustarse ás esixencias recollidas no regulamento 1370/2007”. Segundo o mesmo, “o referido réxime non pode incluír un conxunto de ingresos e/ou vantaxes que posibiliten un exceso sobre o importe necesario para cubrir a totalidade ou parte dos custos netos ocasionados polo cumprimento do servizo público e, no seu caso, uns beneficios razoables”.

O primeiro edil recordou hoxe que dende a súa chegada a María Pita, o goberno local iniciou unha revisión da concesión do servizo público de transporte urbano, así como a necesidade de adaptar o mesmo á actual normativa europea. “Entendiamos que era necesario que as tarifas e a prestación de servizos á cidadanía se adaptase aos principios de beneficio razoable para a empresa concesionaria. Para asegurar a posición municipal, decidimos facer unha consulta á CNMC que acaba de ratificar, basicamente, que a liña que estamos a seguir é a correcta”, comentou o mandatario local. Á vista da documentación remitida polo Concello, o citado informe explicita que resulta “necesaria” a revisión das condicións económicas mencionadas, “habida conta de que existen indicios no réxime económico aplicado nestes 30 anos de concesión en canto a unha posible sobrecompensación en favor da empresa prestadora do servizo, que lle xera unhas rendas regulatorias que exceden o que se pode considerar os custos netos máis un beneficio razoable”.

Revisión de tarifas e servizos

O traballo de revisión levado a cabo nos últimos meses polo goberno local evidencia que, ao longo dos últimos 30 anos, a evolución das tarifas do transporte urbano na Coruña produciuse sempre á alza, sen que en ningunha ocasión se valorase a oportunidade ou a necesidade de axustar a tarifa “á baixa” garantido que, cos ingresos estimados, puidesen recuperarse os custos de explotación, así como unha marxe normal do beneficio industrial. “Agora, en base a este informe da Comisión da Competencia, e aos diversos informes elaborados tanto polo Concello como pola Universidade da Coruña, á que lle encargamos analizar o beneficio razoable do contrato de prestación de servizos do transporte público urbano, temos que ver cal é a fórmula que levaremos á práctica para aplicar esa revisión de tarifas e servizos”, dixo.

O alcalde recordou que, neste momento, e logo de que o Concello prorrogase até finais deste exercicio a concesión do servizo de transporte público á Compañía de Tranvías, o regulamento comunitario contempla dous posibles camiños, como son volver licitar o transporte público, ou ben solicitar a Bruxelas unha autorización de prórroga para que a actual adxudicataria continúe o seu servizo até 2024. “En calquera caso, todo o que fagamos debe estar axustado aos marcos regulamentarios da UE”, dixo.