O Concello inaugurará o 16 de xuño os campos de fútbol de Visma

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 30/05/2018 - 00:32 / Etiquetas: concello da coruña, Campos Visma

 

O servizo municipal de Deportes aprobou este martes, nunha Xunta de Goberno extraordinaria, a recepción dos campos de fútbol de San Pedro de Visma, unha vez que a Federación Galega de Fútbol realizou as obras necesarias para concluír o proxecto e que o persoal técnico municipal comprobou que cumpren coa normativa vixente. Como explica o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, a apertura dos campos, que pasan así a ser de titularidade municipal, “está prevista para o 16 de xuño, xa que é preciso realizar unha posta a punto da instalación e actualizar o seu mantemento”.

As actuacións previstas, que teñen un orzamento estimado de 32.000 euros, “están relacionadas coa demora na posta en servizo dos campos”, apunta Sande. Nos próximos días levarase a cabo a limpeza das instalacións, tanto do interior como do exterior, onde se acumulou lixo polo seu uso irregular e onde tamén quedaron restos de obra, e a eliminación de pintadas no edificio. Tamén se repoñerán os elementos de mobiliario urbano danados --cubertas dos bancos, varandas, tensores das redes--, arranxarase o cerrado, realizarase a roza da maleza e o acondicionamento das zonas verdes, a reposición das reixas de pluviais e a reposición dun tramo no céspede artificial. Como explica Sande, ademais destas obras de carácter inmediato, levaranse a cabo ao longo deste ano a instalación dun transformador e a construción dun aparcamento, actuacións asumidas polo Goberno local que se atopan xa en proceso de contratación.

O Goberno local aprobou tamén distribución dos usos, xa que lle corresponde á Federación Galega de Fútbol a utilización das instalacións durante un mes ao ano --ou a proporción equivalente sobre os días que estean aberto ao uso nun ano-- para a celebración de partidos oficiais ou adestramentos de seleccións federativas. As horas de uso, que se manterán dez anos tal e como se acordou no protocolo de colaboración que asinaron ambas entidades, serán definidas por unha comisión paritaria entre Concello e a federación.

A construción dos dous campos de fútbol de San Pedro de Visma remóntase a un acordo de colaboración asinado entre o Goberno local e a Federación Galega de Fútbol en xullo de 2012. Ese protocolo incluía a construción dun edificio administrativo e institucional federativo en terreos municipais, unha concesión á que a federación renunciou en 2015, como así manifestou por medio dun escrito ao Concello. Porén, a entidade comprometeuse a manter na cidade unha delegación territorial.