O Concello inicia a redacción do proxecto de urbanización na parte residencial do Ofimático que restan por acometer

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Sáb, 12/05/2018 - 00:19 / Etiquetas: concello da coruña, Ofimático
Foto: Concello da Coruña

 

O Concello da Coruña iniciou xa o proceso de contratación da redacción do proxecto das obras de urbanización que restan por acometer na parte residencial do Ofimático (en concreto, na marxe esquerda de Lavedra), toda vez que, tras a firma dos convenios de colaboración con Unión Fenosa Distribución, o remate das actuacións na separata do proxecto modificado número 1 do sector 10, necesarias para poder comezar a outorgar as licenzas de primeira ocupación, é xa inminente. Así o anunciou hoxe o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, que acudiu a unha reunión convocada pola conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez. Na mesma, o responsable municipal explicou que o inicio do proceso de redacción do proxecto marca outro “fito crucial” á hora de lograr “dar unha solución ao conflito do Ofimático, que leva enquistado dende hai máis de dúas décadas na cidade”.

“O remate ao completo das obras do proxecto da separata, que neste momento están case rematadas a falta das actuacións que debe acometer Fenosa para poder dotar de subministro eléctrico á veciñanza, dá a posibilidade de que, se así se solicita, o Concello poida outorgar licenzas de primeira de ocupación ao 95% das parcelas do ámbito. Non obstante, no que se considera a zona residencial do Ofimático, na marxe esquerda da Avenida de Lavedra, restan aínda por urbanizar tres parcelas, do mesmo xeito que se teñen que acometer distintas actuacións relacionadas cos servizos neste ámbito, como por exemplo as zonas verdes. O proxecto cuxo proceso de contratación vimos de iniciar,, servirá para que todas as parcelas da zona residencial do Ofimático poidan acadar a condición de solar”, explicou. Ademais, o edil salientou que o novo proxecto de urbanización deixará para unha fase posterior as zonas afectadas polo proxecto de mellora e humanización de Alfonso Molina, “que aínda non foi remitido ao Concello dende o Ministerio de Fomento”.

Convenio con Unión Fenosa Distribución

Por outro lado, e con respecto ás obras da separata, o edil tamén recordou que, nestes momentos, o Concello ten xa asinados os convenios con Unión Fenosa Distribución relativos ao soterramento das liñas aéreas de media e baixa tensión existentes no Parque Ofimático. “De feito, xa asinados os acordos necesarios, e tal e como estaba previsto, Fenosa vén de solicitar na Consellería de Industria a alta na subministración eléctrica para poder iniciar os trámites necesarios”, comentou o responsable municipal, quen aproveitou o encontro para solicitar á Xunta “que acelere esta tramitación para favorecer a entrada das familias ao Ofimático”.

Tan pronto como estean desmontadas as torretas eléctricas, e en paralelo ás tramitacións das solicitudes dos e das cooperativistas (que xa foron informados da sinatura definitiva dos convenios), o Concello poderá abordar as obras de urbanización definitiva dos espazos onde están instaladas as estruturas, “as últimas actuacións que restan nesta parte do polígono e que teñen un tempo de execución estimada de catro semanas”.

Varela recordou que “o compromiso do goberno local da Coruña por facilitar a entrada dos e das primeiras veciñas do Ofimático está máis que probado”. “Neste momento, e coas obras da separata executadas xa ao 95%, nunca dende a súa xestación, no ano 1991, o Ofimático estivo tan cerca de ser un barrio máis da cidade”, dixo. Ao fío, lembrou que os traballos para proceder á retirada das torretas eléctricas requirían da acometida de traballos de reforzo nunhas vivendas da marxe dereita, obras que están xa iniciadas “e que representaban uns dos últimos escollos para poder solucionar este tema”.

Solicitude á consellería

Por outro lado, Varela lamentou que a conselleira Vázquez non respondese no marco da reunión á solicitude que lle fixo o representante municipal para que “se posicionase ao respecto das manifestacións por parte dos promotores do Ofimático que están ameazando, directamente, de tratar de impugnar as licenzas de primeira ocupación, o cal, cremos, que non trae beneficio para ninguén, nin tan sequera para eles”. “No tema do Ofimático existiu sempre un problema de base debido á contraposición de dous modelos inmobiliarios distintos, o das cooperativas e o dos grandes promotores. O que pedimos á conselleira e, por extensión, á Xunta, é que se posicionen sobre as ameazas por parte dos promotores con respecto á impugnación do outorgamento de licenzas. Isto pode non só afectar directamente aos cooperativistas, senón tamén ás futuras licenzas de primeira ocupación que dende o Concello poidamos conceder á propia Xunta que, a través de Xestur, ten solicitadas as licenzas para vivenda de protección oficial (VPO)”, manifestou. “Non obstante, ao longo da reunión, a conselleira Vázquez non se pronunciou sobre esta situación, algo que, dende logo, nos preocupa”, apuntou.

A respecto deste edificio de VPO, Varela recordou que o Concello da Coruña outorgará a necesaria licenzas de obras unha vez que o proxecto reciba o visto e prace da Axencia Estatal de Seguridade Aeronáutica (AESA), dependente do Ministerio de Fomento. “Un feito este que, unha vez máis, evidencia que estamos a esperar por outra administración”, comentou.