O Concello inicia as actuacións de mellora de accesibilidade do distrito dos Mallos

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 23/07/2018 - 00:03 / Etiquetas: concello da coruña

 

O goberno local iniciou esta pasada semana os traballos de adecuación e mellora da accesibilidade nos barrios de Os Mallos, A Sardiñeira, Estación de San Cristóbal, Sagrada Familia, Santa Margarida, San Pedro de Mezonzo e a parte da Falperra máis próxima á Rolda de Nelle. En total, executaranse 529 actuacións ao longo de sete áreas do distrito dos Mallos, nos que se investirán 537.456 euros, e que consisten na renovación e acondicionamento das súas beirarrúas para resolver os problemas puntuais de accesibilidade, en especial nas paradas do servizo de transporte público urbano ou nos pasos peonís, así como proceder á instalación de ramplas ou á eliminación de obstáculos para as e os transeúntes. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, lembra que estas intervencións “seguen a liña de coidado do espazo público nos barrios, para avanzar cara a unha cidade máis accesible e transitable e que dá prioridade á mellora da mobilidade respectuosa co medio ambiente”, Neste sentido, o edil lembra que as intervencións permitirán mellorar tamén os itinerarios peonís “que conectan os barrios ou que se dan no interior dos mesmos”.

O responsable municipal avanza que, debido á multiplicidade de actuacións que contén o plan, “así como á propia amplitude do ámbito no que se espallan”, o Concello organiza os 10 meses de traballo segundo a sucesión de 8 ámbitos, “concentrándose todos os traballos que se acometan en cada un deles antes de pasar ao seguinte”. Así, durante este primeiro mes, levaranse a cabo todas as accións que corresponden á parte leste do barrio da Sagrada Familia, entre a avenida de Arteixo e a rúa Nosa Señora de Fátima. De seguido, e ao longo de 3 semanas e media, a área de Rexeneración Urbana avanzará cara ao oeste, traballando entre as rúas Nosa Señora de Fátima e Cardenal Cisneros. As accións restantes na área Sagrada Familia --entre Cardenal Cisneros e a avenida de Fisterra-- completaranse durante os dous meses seguintes.

A continuación, as actuacións concentraranse no barrio de Santa Margarida, entre a rolda de Nelle e o perímetro do propio parque, para continuar cunha semana de traballos no grupo de mazás da Colonia Juan Canalejo entre a rolda de Nelle, avenida de Arteixo, Pla y Cancela e Juan Castro Mosquera. Xa de cara ao inicio do 2019 acometeranse distintos traballos, ao longo de 5 semanas e media, no interior do barrio dos Mallos --delimitado polas roldas de Nelle e Outeiro, e as avenidas de Arteixo e dos Mallos--. As demais actuacións no resto do barrio, e até a avenida de Alfonso Molina, realizaranse no período máis longo de intervención, cunha extensión prevista de 2 meses e unha semana. Finalmente, a área de Rexeneración Urbana intervirá durante o prazo dun mes na parte dos Mallos situada entre a rolda de Outeiro e os equipamentos da Sardiñeira.