O Concello inicia esta semana a remodelación do acceso ao Parque de Santa Margarita pola rúa Palomar

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 06/08/2018 - 10:13 / Etiquetas: concello da coruña

A Concellería de Rexeneración Urbana comezará esta semana as obras de remodelación da entrada do Parque de Santa Margarita situada na confluencia da rúa Palomar e avenida de Fisterra, unha actuación que permitirá abrir o espazo verde, crear unha área de transición entre o parque e o seu entorno e mellorar a accesibilidade. O edil responsable de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, explica que os traballos consistirán na retirada da celosía de formigón do muro que pecha o parque ao longo da rúa Palomar, e adaptando a súa base coma peto e banco  "para permitir que a reordenación do espazo urbano desta zona prolongue a zona verde cara o resto da cidade, cunha transición máis amable". Na avenida de Fisterra eliminarase a totalidade do peche, de tal xeito que o muro de contención de cachotería poligonal, que corresponde á urbanización orixinal do parque, sexa o que agora delimite este espazo verde. Así, este treito da beirarrúa da avenida de Fisterra, cuxa anchura quedaba por debaixo do límite que marca a normativa de accesibilidade, medrará ata os 9,50 metros. Nela se construirán unha serie de xardineiras con banco, que abrirán a esta parte do parque a usos e xeitos de disfrute da vexetación, que ata agora só eran posibles na meseta superior do parque.

Con este tratamento a beirarrúa ampliada adoita condición de praza, "configurando un espazo de transición do que poida facer uso a veciñanza". Ademais, o proxecto contempla a eliminación da rampla escalonada coa que arranca o paseo do parque neste punto, para facilitar  o acceso para ás persoas con dificultades de movemento.

Complementan estas actuacións a renovación e adaptación da recollida de augas á nova configuración dos pavimentos, se ben en canto aos servizos, o cambio máis significativo será na nova iluminación pública, que adoitará solucións máis propias de xardín, como é o emprego de balizas e de solucións que salienten o volume e formas da vexetación.

A obra, na que o Concello investirá 240.000 euros, supón unha mellora do espazo público na zona. Esta actuación completa e continúa a liña dos traballos de reurbanización xa levados a cabo nas rúas da contorna, entre os que se contan as melloras no pavimento e nas beirarrúas das vías Marcial del Adalid, Magistrado Manuel Artime ou Palomar, e que suman preto de un millón de euros. A Concellería de Medio Ambiente traballa tamén na mellora desta zona do Parque de Santa Margarita, na que abordará a substitución dos eucaliptos existentes na área por especies autóctonas.