O Concello mellora as condicións de accesibilidade e seguridade do CEIP Rosalía de Castro

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 08/08/2018 - 00:06 / Etiquetas: concello da coruña

O Concello da Coruña acomete unha mellora significativa das condicións de accesibilidade e seguridade da comunidade escolar do CEIP Rosalía de Castro, coa renovación e ampliación das beirarrúas e pasos peonís da súa contorna, unha obra que se está a acometer dende o pasado mes de xullo e que conta cun orzamento de 197.000 euros. A previsión da Concellería de Rexeneración Urbana é que a intervención --que se completa ademais coa mellora do cruce da avenida de Arteixo, cara as rúas Noia e Vizcaya-- remate contra a segunda metade de setembro. A obra non só ten o obxectivo de mellorar os espazos de interrelación e confluencia da comunidade escolar do barrio, senón tamén incrementar a conectividade entre a Sagrada Familia e Os Mallos.

O titular de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, recorda que esta actuación "está na liña doutras feitas a carón da entrada aos recintos doutros centros educativos como os CEIP Anxo da Garda e Labaca ou Alborada, así como o IES Rafael Dieste e a proxectada no IES Ramón Menéndez Pidal". "Esta obra ampliará de forma notable a superficie de beirarrúa ante os accesos ao centro polas rúas Pontedeume e Río Limia", explica o concelleiro, engadindo que ademais esta parte da actuación se complementa coa colocación de bancos, "co obxectivo de facilitar as esperas das nais e pais á saída das cativas do colexio, pero que  tamén servirán de barreira de seguridade cara á calzada". A intervención tamén inclúe a implantación de papeleiras e outro mobiliario urbano de especial utilidade nestas localizacións.

Nesta semana, os traballos estarán centrados na renovación da beirarrúa oposta ao colexio, en concreto, á comprendida entre os números 1 e 15 da rúa Pontedeume, que verá ampliada a súa anchura, de forma que se acomode á normativa vixente en materia de accesibilidade.

Esta obra compleméntase coa que xa se levou a cabo durante o pasado ano e que consistiu na mellora das beirarrúas da rúa Río Avia, actuación tamén encamiñada a incrementar a seguridade na contorna do CEIP Rosalía de Castro. "O goberno local está apostando por acometer obras que sirvan para mellorar a conectividade dos barrios, obras que se desenvolven, polo tanto, arredor daqueles espazos e equipamentos que centran a vida colectiva da veciñanza. Os centros escolares son un exemplo paradigmático de lugar de socialización", salienta Varela que, á vez, destaca que máis alá das melloras para a comunidade escolar, esta actuación aposta por unha solución de continuidade entre a Sagrada Familia e Os Mallos coa renovación e corrección do paso de peóns que cruza a avenida de Arteixo, comunicando a rúa Pontedeume coas rúas Vizcaya e Noia.

As correccións que se acometerán derivarán no lixeiro desprazamento do paso peonil, á vez que favorecerán o aliñamento do cruce das súas calzadas, de forma que se incremente a seguridade tanto de persoas condutoras coma de peóns. A beirarrúa da avenida de Arteixo entre as rúas Vizcaya e Noia non só verá ampliada a súa anchura, senón que isto permitirá a plantación de catro árbores e a colocación de dous bancos. Polas súas características esta será a última parte da obra que se execute, xa no mes de setembro.

Mellora da accesibilidade no Distrito Mallos

Varela recorda que a obra na contorna do CEIP Rosalía de Castro non é a única que a administración local acomete na zona, xa que precisamente o seu desenvolvemento tivo que ser programado de acordo coas actuacións de mellora da accesibilidade que se levan a cabo en todo o distrito dos Mallos (obras cun investimento de máis de medio millón de euros e unha duración estimada de 10 meses). "Co obxectivo de causar os menores prexuízos posibles á veciñanza acompasamos as actuacións, de forma que estas comezarán coas intervencións máis próximas á rúa Pontedeume, para que as molestias se concentren e reduzan no tempo", resalta o responsable municipal, que indica, ademais, que esta programación permitirá que as obras que benefician máis directamente ao ámbito escolar estean rematadas para o inicio do curso lectivo.