O Concello notificou a 255 persoas propietarias de fincas a obriga de limpar e adecuar as súas parcelas

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 28/05/2018 - 00:49 / Etiquetas: concello da coruña, Fincas Coruña

 

O Concello vén de notificar ás persoas propietarias 255 parcelas catastrais do termo municipal a obriga (de acordo coa Lei 3/2017 de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia) de ter limpa a súa parcela antes do vindeiro 30 de maio, dentro do Plan Municipal de Prevención de Lumes despregado para este ano Trátase das fincas que a inspección municipal, xunto co servizo de Bombeiros e responsables do distrito forestal, identificou pola falta de adecuación aos requisitos da norma, que require a xestión da biomasa vexetal así como a retirada das especies prohibidas (eucaliptos, piñeiros e acacias) polo seu potencial pirófito e a ampliación das franxas de protección de 30 a 50 metros nos perímetros das edificacións sinaladas pola lei e de 10 metros no caso de vías de comunicación.

Como fai notar a concelleira de Medio Ambiente, María García, este prazo mudou respecto a anos anteriores, no que o período para a limpeza se prolongaba ata o 30 de xuño, tal e como xa se lle comunicou aos propietarios e propietarias destas fincas. Este cambio afecta, tanto ás parcelas que recibiron requirimento, como ao conxunto de terreos suxeitos ao Plan de Lumes. As comunicacións realizadas ás persoas propietarias lembran que a norma autonómica estipula multas de entre 1.000 e 10.000 euros, que se poden reiterar ata que non se cumpra con esta obriga. García advirte que, unha vez superado o prazo do 30 de maio, o Concello procederá a comprobar se os traballos de limpeza foron realizados.

Dentro do seu Plan de Prevención de Lumes, o Concello está tamén a abordar as tarefas de limpeza e roza, así como de eliminación destas especies pirófitas nas parcelas municipais, nas que se está ampliando a franxa de seguridade de 30 a 50 metros onde hai vivendas como esixe a lei. García indica que o servizo municipal está a atender tamén peticións da veciñanza, como no caso dos eucaliptos que estaban situados na rúa Lázaro Cárdenas.