O Concello pon en marcha a fase de votación dos Orzamentos Participativos

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 31/08/2018 - 00:43 / Etiquetas: concello da coruña

O programa de orzamentos participativos da Coruña aborda a súa fase final, anterior á inclusión dos proxectos propostos e votados pola veciñanza nos presupostos municipais do vindeiro ano. Dende o 30 de agosto, e até as 00.00 horas do 17 de setembro, permanecerá aberto o prazo para que a cidadanía empadroada no municipio e maior de 16 anos poida votar e escoller entre as 111 propostas que pasaron a esta fase, logo de recabar os apoios necesarios da veciñanza e superar a avaliación técnica. Deste total, 44 propostas son de cidade, e 67 correspóndese a proxectos de distrito. Destas propostas definitivas, aquelas que reciban un maior número de apoios da cidadanía nesta fase --até chegar aos 3 millóns de euros reservados para este pioneiro programa--, incorporaranse ao proxecto inicial do Orzamento Xeral do Concello da Coruña do vindeiro ano.

Así o anunciou esta xornada a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, quen manifestou que  o volume de presentación de propostas, así como a implicación da veciñanza, dá mostra de que o dos Orzamentos Participativos é un programa "consolidado, estrutural, tecnicamente impecable e que supón unha aposta política decidida". A edil recordou que así tamén se puido contrastar no marco da celebración, o pasado mes de xullo, do IV Encontro Ibérico de Democracia Orzamentos Participativos, que congregou a representantes de distintas cidades do Estado, Portugal e América que teñen en marcha programas de participación directa da cidadanía. "Estamos a falar dun programa que, por definición, implica unha confianza na veciñanza, unha corresponsabilidade para definir investimentos públicos e, polo tanto, para construír cidade", dixo. "Trátase dun programa que establece as prioridades da veciñanza nos barrios e nos distritos e que, sobre todo, nos permite coñecer as inquedanzas dende a perspectiva dos distintos grupos de idade na cidade, algo que tamén nos axuda a deseñar e planificar o orzamento municipal dos vindeiros anos", explicou a concelleira.

Así, e tras convidar á cidadanía a participar neste procedemento, a concelleira recordou que poderán votar nesta fase, todas aquelas persoas que se teñan dado de alta na plataforma aportaaberta.coruna.es, así como todas aquelas que o fagan durante este período de tempo.

As propostas que a cidadanía podía presentar aos orzamentos participativos dividíanse entre aquelas que tiñan consideración "de cidade" e as que se circunscriben aos distritos. O investimento máximo por proxecto era dun millón de euros para aqueles destinados a toda a cidade e de 200.000 euros para os proxectos de distrito.

A concelleira Delso fixo fincapé "no especial éxito de participación que está a acumular esta xa terceira edición dos orzamentos participativos". "Este ano, a cidadanía presentou nada máis e nada menos que 909 propostas", dixo a responsable municipal. Das mesmas, e logo dunha análise inicial sobre se eran de competencia municipal, foron seleccionadas 189 propostas, que, posteriormente, e ao longo de dous meses, foron analizadas máis polo miúdo para determinar a súa viabilidade, así como realizar un informe técnico e valorar o seu orzamento de execución (sendo necesario que este se axustase aos límites marcados). Entre os criterios de selección tamén se tivo en conta especialmente, ademais da necesaria viabilidade, os apoios recollidos. As propostas de cidade avaliadas contaban con máis de 80 apoios, mentres que as de distrito tiñan que ter un mínimo de 15, subliñou. Tras este procedemento determinouse a viabilidade das 111 propostas que agora entran en fase de votación, 44 delas de cidade e 67 de distrito", manifestou, para engadir que "o feito de non poder ser executadas tecnicamente, así como ter un orzamento superior ao millón de euros foi o que determinou que 78 propostas foran declaradas inviables e non pasaran á fase de avaliación". Ao fío, a responsable municipal tamén manifestou que "existen propostas da cidadanía que non pasaron a esta fase de votación simplemente porque o goberno xa as ten proxectadas ou xa as está a executar". "Tamén, e logo da fase de análise, 16 propostas de distrito pasaron a ter a consideración de propostas de cidade, algo que veo motivado polo feito de que o seu orzamento estimado superaba os 200.000 euros", indicou.

Como xa fixera con anterioridade, en concreto na presentación de resultados da fase de propostas, Delso salientou as inquedanzas da cidadanía, que se vén reflexadas nos temas e proxectos que se achegan. "Cabe destacar que as propostas que se fixeron están moi relacionadas coas liñas de acción deste goberno, así como coa forma de entender a cidade", dixo. Das 189 propostas avaliadas, 115 pertencen á area de espazo público, mobilidade e rexeneración urbana (construción de parques infantís, carril bici, arranxo de rúas e beirarrúas, propostas de peonalización); así como 44 á área de Medio Ambiente (incluíndo temas como arborado, zonas verdes, parques, contedores de reciclaxe ou sendas peonís) e 10 á área de Deportes, para a construción de equipamento deportivo. "O resto de propostas tiñan que ver con aplicacións informáticas e actuacións en centros educativos, cívicos ou veciñais", comentou.

A concelleira Delso recordou que en todo o tempo de duración da fase de avaliación, até o 17 de setembro, os veciños e as veciñas que estean xa ou se dean de alta poderán votar polas súas propostas favoritas. Aínda así, para facilitar a participación e do mesmo xeito que en anteriores fases, habilitaranse espazos de apoio e axuda á votación en toda a rede de bibliotecas municipais, os centros cívicos, o CMIX e a sede da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e área metropolitana. Ademais, o servizo de atención cidadá 010 continuará atendendo consultas sobre o proceso de rexistro na plataforma municipal de A Porta Aberta.

Do mesmo xeito, levaranse a cabo dous eventos de rúa para informar á cidadanía e apoiar no proceso de votación. Os mesmos terán lugar o sábado 8 de setembro no Obelisco e o sábado 15 na praza de Lugo, en horario de 16.30 a 21.00 horas.

Por outro lado, e co obxectivo de que as persoas participantes poidan dar a coñecer as súas propostas máis polo miúdo e, desta forma, acadar máis votos, a Concellería de Participación porá a disposición dos e das promotoras destas iniciativas dúas xornadas para gravar microvídeos que se difundirán a través das redes deste departamento municipal. As gravacións realizaranse o luns 3 de setembro na Biblioteca Municipal do Castrillón e o martes 4 na Fundación Luís Seoane, en horario de 16.30 a 20.00 horas. Ademais, calquera persoa que así o desexe e non poida participar nestas xornadas, poderá enviar un vídeo similar ao correo presupostos.participativos@coruna.es.