O Concello pon en marcha novos itinerarios gratuítos de formación dirixidos á mocidade de cara a mellorar a súa empregabilidade

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 19/07/2018 - 14:08 / Etiquetas: concello da coruña

 

A Concellería de Emprego e Economía Social vén de abrir o prazo de solicitude para participar en novos itinerarios formativos dentro dos programas municipais Elas máis e Coruña Emprego Xove, dúas propostas dirixidas, especificamente, a fomentar a empregabilidade e favorecer a inserción sociolaboral da mocidade. En concreto, esta nova proposta da área que dirixe Alberto Lema que chega no período estival, e que se desenvolverá nos vindeiros meses, ten como obxectivo favorecer entre a xente moza a participación nestes proxectos, que son gratuítos para as persoas usuarias e que inclúen, ademais de formación específica e orientación, coñecementos transversais vinculados a idiomas, novas tecnoloxías da información e comunicación así como igualdade de oportunidades.

O programa de capacitación profesional Elas Máis , posto en marcha polo goberno local o pasado mes de febreiro e dirixido a mulleres de entre 16 e 30 anos desempregadas, iniciará no mes de outubro itinerarios vinculados á Atención básica ao cliente, Técnicas e recursos de animación en actividades de tempo de lecer , ou de Servizo básico de restaurante-bar. Cada curso conta entre 50 e 120 horas de formación específica, 65 horas de formación transversal --que inclúen inglés, introdución ás novas tecnoloxías da información ou igualdade--, así como entre 40 e 100 horas de prácticas formativas en empresas. De cara aos vindeiros meses, prevese aumentar esta oferta con novos cursos vinculados ao sector alimentario.

No caso de Coruña Emprego Xove, o programa municipal dirixido a mozas e mozos que están a piques de rematar a súa etapa formativa, oferta 126 prazas en cinco cursos de formación específica nun total de sete edicións. Así, os itinerarios que contan con dobre edición --xa iniciada, e unha segunda, que comeza en setembro--, son Elaboración culinaria básica e Servizo básico de restaurante-bar. E stas dúas propostas inclúen entre 120 e 160 horas de formación específica, 80 de formación transversal e 80 horas de prácticas en empresa. Ademais, Coruña Emprego Xove ofrece itinerarios de Limpeza en edificios e locais , Operacións auxiliares no punto de venda , ou Acondicionamento de habitacións e zonas comúns en aloxamentos . Estas tres propostas, que supoñen entre 80 e 120 horas de formación específica --ademais de 80 de formación transversal e outras 80 de prácticas en empresa--, comezarán contra finais de agosto, a partires do día 27, ou no mes de setembro. O programa, por último, tamén ofrece a posibilidade de realizar un itinerario personalizado sen formación específica --pero que se define, en función das necesidades de cada persoa, desde o servizo municipal de emprego-- e que inclúe 80 horas de coñecementos transversais e 80 horas de prácticas. Esta proposta, xa en marcha, conta cun total de 36 prazas.

De cara a reforzar o coñecemento da oferta de empregabilidade entre a xente moza, a área que dirixe Alberto Lema pon en marcha este verán unha nova campaña en redes sociais para achegar estes proxectos formativos a novos públicos. A oferta completa de cursos, así como a información asociada aos programas municipais, pódese consultar na páxina web www.coruna.gal/emprego .