O Concello pon o broche a unas festas de María Pita “marcadas pola innovación e a tradición” coa Romaría de Santa Margarita

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 21/08/2018 - 08:23 / Etiquetas: concello da coruña

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, presentou este luns as actividades comprendidas dentro da Romaría de Santa Margarita, evento co que tradicionalmente se pechan as festas de María Pita e que terá lugar durante as xornadas do sábado e o domingo neste emblemático espazo da cidade. O edil destacou a aposta do goberno local "por realizar unha romaría para todos os públicos que respecta á tradición pero que tamén introduce innovación e que, ademais se expande, non só cos dous días de música en Santa Margarita, senón con actividades participativas que acontecen na cidade dende este mesmo luns". O responsable municipal puxo en valor a aposta do Concello por ampliar a oferta desta romaría, con actividades relacionados coa música, a vestimenta e instrumentos tradicionais e o baile en distintos escenarios abertos a cidade.

Na rolda de prensa de presentación da romaría, Sande estivo acompañado por Aitana Cuétara, coordinadora das actividades, que salientou que "este ano, quixemos diversificar a actividades en distintos lugares, estando enfocadas todas cara a música tradicional, o baile e o traxe".

Así, e dentro das actividades ligadas á Romaría de Santa Margarita, entre este luns e o vindeiro domingo distintos comercios da cidade realizarán unha exposición de traxes tradicionais. As accións da romaría continuarán o mércores 22 coa presentación do libro Mulleres de Gargamala por parte das autoras Xulia Feixóo e Guillerme Ignacio. Será na sociedade recreativa Tempo Novo, en Elviña, onde, ao remate da presentación se levará a cabo unha foliada aberta. Xa o xoves 23, a partir das 20.00 horas, entre Pescaría e Orillamar realizarase unha Singladura Tabernaria, na que se recuperarán os tradicionais cantos de taberna. O venres, pola súa banda, en horario de 17.00 a 21.00 horas, a praza de Pontevedra acollerá a carpa O traxe vai á rúa, un taller que estará dinamizado polo grupo Brincadeira, e que afonda no coñecemento da vestimenta tradicional. Aberto á toda a cidadanía, o evento contará con obradoiros de colares, de botóns de fío, un roupeiro con traxes para vestirse, proxeccións e un photocall. Co obxectivo de aumentar o coñecemento da poboación sobre as vestimentas históricas e as súas características, o venres 24, realizarase, a partir das 19.00 horas, un roteiro por toda a exposición de traxes que dende este luns poden verse en distintos comercios da cidade (a visita guiada partirá da praza de Pontevedra).

A partir do sábado, as actividades no propio parque de Santa Margarita complementaranse con obradoiros de baile e música en distintas prazas da cidade. Así, está previsto que a de a Vigo acolla distintas actuacións e talleres de baile entre as 11.00 e as 17.25 horas. Neste período de tempo haberá obradoiros sobre puntos de baile impartidos por Carme Campo e Chus Caramés, sobre a regueifa como baile de voda, por Montse Rivera, e o obradoiro de maneo, con Pablo Díaz. Ademais, están previstas as actuacións de Donaire e Aturuxo.

Pola súa banda, entre as 11.50 e as 17.50 horas terán lugar outras actividades centradas na música na praza de Galicia. Ademais das actuacións, en distintos horarios, de Donaire e Aturuxo, este espazo acollerá os obradoiros de treboada do Baixo Minho, impartido por Oli Xiráldez, así como O pandeiro nas Cortellas, por Xulia Feixóo, e taller de ritmos de panaderas, por parte de Tanxugueiras.

A praza de Lugo acollerá actividades musicais tamén dende as 12.00 horas e até as 17.40 horas, cando comezará o último taller. A programación contempla un obradoiro de brinquedos sonoros Miudiño, de instrumentos pequenos, e outro de mariquitas de papel con traxes tradicionais. Ademais, Marta Otero impartirá outros dous talleres de danza de paus e de fitas. Este espazo acollerá tamén a actuación de Dúbidadúo Trío, contra as 17.20 horas.

A xornada musical do sábado rematará no Parque de Santa Margarita. A partir das 20.00 horas está prevista a actuación do grupo coruñés Dúbidadúo Trío, mentres que contra as 21.25 será a quenda de Os Melidaos e ás 22.30 horas a Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. A noite rematará co concerto de Tanxugueiras, que se iniciará a medianoite.

O domingo terá lugar a xornada propia de romaría, coa actuación da Banda Municipal de Música contra as 12.00 horas. Posteriormente terá lugar a actuación de Xacarandaina (13.30 horas), ademais da actividade de música tradicional e baile, ás 17.30 horas. Especialmente dedicado aos e ás máis cativas estará o espazo de xogo libre con brinqueos tradicionais, de 16 a 19 horas. A romaría finalizará coa actuación de Samarúas (20.00 horas) e da Orquestra Folc SondeSeu, que actuará a partir das 21.30 horas, con convidados e convidadas como Xuacu Amieva, Vanesa Muela e Luís Peixoto.