O Concello presenta a programación do Festival SAL

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 30/05/2018 - 13:42 / Etiquetas: concello da coruña, Festival SAL
Foto: Concello da Coruña

 

O festival SAL celebra a súa primeira edición entre os días 15 e 17 de xuño no paseo do Parrote, unhas xornadas nas que participarán 12 cociñeiros con estrellas Michelin e nas que se amosará todo o potencial e bo facer da cociña atlántica grazas á ampla representación dos locais de restauración da cidade. “A Coruña é un dos nomes esenciais cando se fala de cociña e de produto galegos e a creación do Festival SAL vén a reforzar esta aposta”, afirmou este mércores o alcalde, Xulio Ferreiro, que xunto co concelleiro de Emprego e Economía Social e tamén presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, presentou esta mañá a programación do evento. “No festival non faltarán algúns dos produtores, chefs e restaurantes do arco atlántico máis recoñecidos a nivel local, estatal e internacional, ademais dun rico abanico de actividades para descubrir a riqueza e a singularidade da nosa xeografía máis próxima”, resumiu. No acto participaron tamén a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, o presidente de Coruña Cociña, Luis Veira, e o director de Trade Marketing de Hijos de Rivera, Manel Piñón.

Ferreiro destacou que A Coruña “é un exemplo de convivencia entre tradición e modernidade, de capacidade de reinvención e de creación dun modelo gastronómico propio que dende o Goberno local impulsamos e reforzamos coa creación, da man da restauración da cidade, de eventos nos que a comida é a protagonista”. Así, mencionou Lacónicas, Bo en Boca, o concurso de tapas Picadillo e o festival de bocadillos de autor Boucatise, “citas xa instaladas no calendario da cidade que se completan este ano cun evento ambicioso, o Festival SAL, que busca difundir e dar a coñecer as excelencias da gastronomía atlántica”. “Agora é o momento de que A Coruña se reivindique como capital dos sabores atlánticos da man do Festival SAL, coas súas propias e interesantes peculiaridades e un ambiente gastronómico do máis atractivo”, apostou.

O programa deste novo festival, que se celebrará cada dous anos, reserva un espazo para a oferta gastronómica cunha vintena food trucks e restaurantes da cidade que achegarán propostas variadas e un escenario para preto de 20 demostracións de cociña a cargo de figuras de primeiro nivel do Estado e Portugal, entre os que se atopan 12 responsables de restaurantes galardoados con Estrella Michelin. Son os coruñeses Iván Domínguez e Luis Veira, os portugueses Henrique Sá Pessoa e Alexandre Silva, os asturianos Ricardo Sotres, Marcos Morán e Jaime Uz, o onubense Xanty Elías, o canario Carlos Villar e os galegos Javier Olleros, Caco Agrasar e Pepe Solla. “Sobre o papel xa podemos ver que estamos falando dun evento de primeira dimensión”, valorou o concelleiro.

O público poderá tamén asistir as 25 charlas e obradoiros relacionados con produtos de proximidade –algas e mariscos, conservas vexetais, queixos, panes, viños ou marmeladas, entre outros–, degustar as creacións de produtores e produtoras galegas no espazo Mercado da Colleita, impulsado por Hijos de Rivera, e catar viños de todas as denominacións de orixe galega no espazo que estará dedicado a este produto. O evento complementarase con música en directo, da man de Hijos de Rivera, na que participarán “bandas de culto de jazz” e que se anunciarán en breve, como indicou o responsable de Trade Marketing da empresa, Manel Piñón, quen avanzou que estará a artista coruñesa María Toro. “Estou convencido de que brindaremos un evento que será un fito nesta cidade”, afirmou. Neste sentido se pronunciou tamén o presidente de Coruña Cociña, Luis Veira, que considerou que o Festival SAL “va a ser el principio de algo tremendamente bueno para la ciudad”.

Tal e como explicou o concelleiro de Emprego e Economía Social, o evento contará cun espazo infantil para os nenos e as nenas, no que ademais dunha ludoteca con xogos e actividades creativas haberá talleres de cociña. O acceso será gratuíto, como para todas as actividades do festival, pero será necesaria a inscrición previa, xa que cada un dos talleres, que están dirixidos a nenos e a nenas de entre 5 e 10 anos, está limitado a 15 prazas. O prazo para anotarse abrirase o próximo 7 de xuño na páxina www.festivalsal.es. Lema agradeceu tamén o apoio de entidades que colabora co festival, como Hijos de Rivera, a asociación de cociñeiros Coruña Cociña, Makro e Artesanía de Galicia, así como de empresas e profesionais do sector turístico e gastronómico ou a Deputación.

Toda a información sobre a programación e os horarios está dispoñible na web www.festivalsal.es