O Concello recorda que a súa prioridade é manter a seguridade da afección que acuda a Riazor mentres continúan as obras

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 04/09/2018 - 09:32 / Etiquetas: concello da coruña

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, confirmou este martes a boa marcha das obras que o Concello acomete no estadio municipal de Riazor, que teñen como obxectivo a reforma e conservación da cuberta e as estruturas metálicas dun equipamento que recibe, cada dúas semanas, a miles de veciños e veciñas desta cidade. O rexedor, que fixo fincapé na relevancia e entidade dunha obra cun orzamento que supera os 7 millóns de euros, manifestou que, non obstante, e en previsión de que as obras coincidan no tempo coa celebración de partidos na casa do Deportivo, tanto goberno local como club levan xa tempo traballando para garantir "o máximo aforo posible". Se ben haberá recolocacións debido ao desenvolvemento das actuacións, todos e todas as socias con localidade teñen a entrada asegurada.

"As obras están a desenvolverse en prazos razoables. Falamos dunha actuación moi importante e que conta cun prazo de actuación axustado. Creo que hai exemplos dabondo de obras en estadios deportivos que duraron unha tempada enteira. Este non vai ser o caso, afortunadamente", dixo Ferreiro, que salientou o feito de que "ningún partido en casa terá que xogarse lonxe do estadio de Riazor". "Todos os partidos susceptibles de xogarse na Coruña, xogaranse en Riazor. Iso si, algúns dos e das afeccionadas, como é o meu caso, teremos que movernos de localidade", dixo, á vez que incidiu en que "a prioridade tanto do Concello como do club é manter a seguridade en todo momento".

O avance da actuación nos laterais do estadio, nos que xa están instaladas as novas cubertas, permite ter dispoñibles todas as localidades das gradas de Tribuna e Preferencia, tanto na súa parte superior como na inferior, polo que as persoas socias que teñen asignado un asento nesa zona poderán ocupala con normalidade. Porén, os fondos do estadio, tanto Marathón (inferior e superior) como Pavillón (inferior, superior e curva), presentan problemas de visibilidade para os e as socias destas zonas debido á infraestrutura de obra instalada nesta fase da actuación, polo que, para garantir que todas estas persoas poida gozar do partido sen problemas, se lles outorgará unha nova localidade. O club comunicará a todas as persoas afectadas o proceso para solicitar a súa reubicación. Por outro lado, as obras de iluminación do estadio estarán rematadas xa para o partido desta fin de semana.

O Concello da Coruña, do mesmo xeito que o Deportivo, lamenta as molestias que estas obras poidan causar ás persoas afeccionadas do club, así como aos e ás socias do mesmo e á cidadanía en xeral. Non obstante, "a prioridade, e así o estamos a garantir, é a seguridade das miles de veciñas e veciñas que se congregan no estadio de Riazor", dixo o alcalde.