O Concello recupera a Comandancia de Obras

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 23/05/2018 - 13:56 / Etiquetas: concello da coruña, Comandancia de Obras
Foto: Concello da Coruña

 

A concelleira de Igualdade e Diversidade, coas competencias en Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, informou este mércores de que o Concello da Coruña recuperou nesta xornada a posesión dos terreos da antiga Comandancia de Obras, un ben de dominio público onde o executivo local proxecta impulsar, de forma participada, un innovador equipamento municipal centrado na mocidade. Segundo comentou a edil, seguindo o procedemento previsto e despois de cumprirse o prazo para a saída voluntaria, esta mañá a Policía Local entrou no recinto e constatou que as persoas ocupantes abandonaran o espazo.

Antes da entrada da Policía Local ao espazo, que se atopaba baleiro, os servizos de seguridade cidadá constataron a existencia de evidentes manifestacións de abandono do recinto por parte das persoas, até o de agora, ocupantes que, ademais, nos últimos tempos foran reducindo a súa actividade progresivamente, así como retirando enseres. “A recuperación da posesión fíxose da mellor das maneiras posibles, vendo que o espazo estaba só e sen necesidade de ter que realizar ningunha intervención máis”, engadiu a concelleira Fraga, na súa comparecencia ante os medios.

Como indicou a titular de Seguridade Cidadá, os servizos xurídicos municipais confirmaron que se fixo valer a notificación emitida o pasado 27 de abril instando aos e ás ocupantes do recinto a abandonalo para que o Concello puidese recuperar a súa posesión e iniciar as obras que derivarán na creación dun novo equipamento público. A citada notificación, recordou a concelleira, foi recollida por dúas persoas que se declararon usuarias do espazo. “Á marxe da notificación de recuperación posesoria do día 27, cuxo prazo xa expirou, posteriormente, o 10 de maio, realizouse unha publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) que tiña carácter complementario, para informar no caso de que existisen outras persoas interesadas a maiores dos e das ocupantes”, dixo.

Nestas circunstancias, as obras de rehabilitación da Comandancia de Obras, necesarias para a posta en marcha do futuro proxecto das Naves do Metrosidero, poderán iniciarse de inmediato. Tanto o Goberno do Estado, para a sinatura da acta de replanteo, como a adxudicataria, para o comezo das obras, foron notificadas esta mañá. “O goberno local agarda dilixencia por ambas partes”, manifestou.