O Concello solicita á Autoridade Portuaria que convoque o seu consello de administración

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 28/08/2018 - 00:00 / Etiquetas: concello da coruña

O Concello vén de solicitar á Autoridade Portuaria da Coruña (APAC) que convoque, á maior brevidade posible, unha reunión do seu consello de administración co obxectivo de analizar e chegar a un acordo en relación coa demanda de condonación da débeda que o porto coruñés ten contraída con Puertos del Estado e que deriva das obras en Punta Langosteira. O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, enviou esta mañá unha carta ao presidente do citado organismo, Enrique Losada, na que recorda a necesidade de abordar este tema, especialmente logo de coñecerse, en días pasados e a través dos medios de comunicación, a existencia dun acordo polo cal o goberno do Estado asumirá á débeda do Consorcio de Valencia 2007, que chega aos 350 millóns de euros.

O edil Varela, representante municipal no consello de administración da APAC, insistiu esta xornada en que, "con independencia das diferenzas existentes entre o caso coruñés e o valenciano, a realidade é que a condonación da débeda co Consorcio de Valencia introduce alternativas para o caso da Autoridade Portuaria da Coruña". "Temos claro que as diferenzas non imposibilitan, tampouco normativamente, a aplicación de medidas de condonación de débeda no que atinxe ao préstamo que o porto da Coruña mantén con Puertos del Estado", indicou o responsable municipal, que fixo fincapé en que "ademais, neste caso, as débedas derivan execución dunha obra pública de interese xeral para todo o Estado".