O Concello tramita unha media mensual de 72 licenzas de obra ao mes

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Dom, 27/05/2018 - 00:38 / Etiquetas: concello da coruña, Licencias Coruña

 

O Concello tramitou entre o 1 de xaneiro e o 15 de maio, 361 licenzas de obra, un 64% máis das asinadas en todo o ano 2014 polo anterior executivo municipal e un 25% máis das contabilizadas nos seus primeiros meses de 2015, cando o número de expedientes deste tipo ascendeu a 290. Segundo explica o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, os datos deixan ás claras “o bo traballo que se está a facer, axilizando a entrega de licenzas á vez que mantendo un control escrupuloso, de forma que nun futuro, nin o Concello nin a cidadanía teña que facer fronte ás consecuencias derivadas dunha xestión urbanística sen as garantías adecuadas, como ocorreu en épocas pasadas”. Como tamén sinala o responsable municipal, a súa área está a abordar ademais unha importante renovación do servizo. “Neste momento, a tramitación das licenzas é xa absolutamente electrónica, o que introduce maior seguridade, axilidade e eficacia no proceso”, remata.

Segundo os datos do departamento de Rexeneración Urbana relativos a 2018, o goberno local tramitou até maio unha media mensual de 72,2 licenzas de obra, un 54% máis que a media mensual acadada polo anterior executivo municipal en 2014 (46,8 ao mes), último exercicio completo á fronte da administración local. A proxección para o ano 2018, se as cifras se manteñen constantes, apunta á tramitación de 866 expedientes de licenza de obra ao remate do exercicio, 36 máis que o ano pasado e 304 máis que hai catro.

“As boas cifras tamén se manteñen na tramitación do resto de expedientes”, comenta Varela. Entre o 1 de xaneiro e o 15 de maio deste ano, o goberno local tamén tramitou 696 comunicacións previas ao inicio de obras, ademais de 536 comunicacións anteriores ao inicio de actividades ou apertura de establecementos.

Durante 2017, o Concello deu trámite a 1.947 expedientes de comunicacións previas de obra, o que arroxa unha media mensual de 162,25 expedientes xestionados, fronte á media dos 131,16 rexistrados en 2014 (cando se sumaron 1.574 en todo o ano). Do mesmo xeito, ao longo do anterior exercicio, o actual executivo municipal acuñou 1.512 comunicacións previas ao inicio de actividades, 126 de media mensual, fronte as 81 de 2014 (972 en 12 meses).