O Consello Sectorial de Inclusión Social incorpora novas entidades ao organismo

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 26/06/2018 - 08:32 / Etiquetas: concello da coruña, inclusión social

 

​O Pazo de María Pita acolleu este luns unha convocatoria extraordinaria do Consello Sectorial de Inclusión Social do Concello da Coruña, o novo órgano de participación para as entidades do sector, posto en marcha o pasado mes de maio. O ente, de carácter consultivo, ten entre as súas capacidades a de colaborar no deseño das políticas municipais de inclusión.

A concelleira de Xustiza Social e Coidados e presidenta do Consello, Silvia Cameán, avanzou que, nas vindeiras convocatorias, o órgano comezará a traballar no deseño do Plan Local de Inclusión, a estratexia municipal dirixida a detectar, intervir e previr situacións de vulnerabilidade que teñan lugar na cidade. “O Plan será participado e contará coas intelixencias de todos aqueles actores con incidencia nas políticas sociais da cidade. A través do diálogo, a cooperación e a análise compartida, poderemos poñer en marcha un plan que permita dar resposta eficiente ás necesidades de protección, benestar social e calidade de vida da cidadanía da Coruña”, apuntou a edil ao remate da xuntanza.

A sesión desta mañá permitiu incorporar novas entidades cidadás ao Consello, como é o caso da Federación de Empregados de Servizos Públicos de UGT, así como aprobar as candidaturas presentadas para ocupar distintos cargos representativos dentro do órgano. Deste xeito, a Asociación ONG Viraventos ocupará a vicepresidencia do Consello Sectorial, mentres que a Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña e da Área Metropolitana, RIBS Padre Rubinos, Ecos do Sur, Fundación Secretariado Xitano, Cruz Vermella e o Colexio Oficial de Traballadoras Sociais de Galicia serán as sete entidades que formarán parte da súa Comisión Permanente. “Coa adhesión de novos membros e o compromiso das entidades á hora de asumir novas responsabilidades dentro do Consello, damos un novo paso na loita contra as desigualdades e de cara a acadar, polo tanto, unha cidade mellor, máis xusta”, aseverou Cameán.