O Consorcio de Turismo actualiza os mapas turísticos da cidade e edita un novo folleto sobre a Cidade Vella

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 27/08/2018 - 00:00 / Etiquetas: concello da coruña

O Consorcio de Turismo actualiza os mapas turísticos da cidade nunha reedición que recolle a nova planimetría do municipio tras modificacións urbanas e o crecemento experimentados dende a publicación anterior, realizada hai tres anos. Nesta nova edición dos materiais para os e as visitantes, o Consorcio inclúe un novo folleto dedicado á Cidade Vella publicado en sete idiomas e que xa está dispoñible nas dependencias de municipais dedicadas ao turismo. Como indica o concelleiro de Emprego e Economía Social e tamén presidente do Consorcio, Alberto Lema, esta actuación "está enmarcada no Plan de Revitalización da zona histórica da cidade e ten como obxectivo impulsar o seu crecemento e descuberta". "Queremos ofrecer ás persoas que nos visitan pero tamén á veciñanza unha guía dedicada en exclusiva a descubrir o patrimonio histórico e cultural que alberga este espazo e que se pode apreciar mellor dende a súa peonalización no pasado mes de xuño", indica Lema.

O folleto adicado á Cidade Vella está encabezado pola frase de María Pita Quen teña honra, que me siga e fai unha homenaxe á figura da heroína coruñesa, un dos nomes propios da cidade, ó que se unen outros persoeiros femininos como é o caso de Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro. Editado en sete idiomas, (galego, español, inglés, francés, portugués, alemán e italiano), o despregable está pensado como reforzo na dinamización, tamén no eido do turismo, da Cidade Vella dentro do seu Plan de Revitalización. O rueiro toma como punto de partida a céntrica praza na que se localiza o consistorio e ofrece un percorrido por vinte puntos de interese e monumentos das rúas do casco histórico local, incluíndo o Castelo de San Antón.

Os mapas están editados en tres formatos. O primeiro deles, de maior tamaño, ten como principal novidade un completo e revisado rueiro da cidade, así como unha información máis extensa sobre os servizos de interese para os e as visitantes, como poden ser a actualización das liñas de transporte público, comunicacións co aeroporto de Alvedro, as áreas de circulación peonil do centro urbano ou o monte de San Pedro e a súa contorna. Inclúe tamén como outra das novidades a varios establecementos hoteleiros nos arredores da cidade e unha revisión dos accesos viarios. É especialmente importante, neste senso, a presenza do túnel do Parrote, un dos eixos de maior tráfico rodado no núcleo urbano.

O novo folleto, que amplía o seu radio de cobertura xeográfica, está deseñado nun modelo que simula unha páxina web vertical coa idea de ofrecer unha estrutura máis visual. Segundo a xerenta do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Lanzada Calatayud, a actualización responde "á demanda das suxestións realizadas polo sector hostaleiro da cidade, incluíndo a presenza daqueles establecemento non situados no centro urbano", así como outras novidades tiradas das opinións de turistas e visitantes nas distintas oficinas da cidade e recollidas tamén en enquisas a nivel de rúa.

A versión despregable, que xa se pode consultar na páxina web, está publicado en tres idiomas (galego, español e inglés). Tamén está xa na rúa un terceiro formato, de menor tamaño, que inclúe dez puntos imprescindibles para visitar A Coruña: praza de María Pita, Cidade Vella, porto e galerías, Paseo Marítimo e praias, castelo de San Antón, Torre de Hércules e o seu parque escultórico, Museos Científicos, monte de San Pedro, a arquitectura modernista e a cociña atlántica. As explicacións tamén se poden ler en galego, español ou inglés. Este modelo se distribuirá fundamentalmente nas oficinas de Turismo e tamén en hoteis, centros de hostalería ou eventos.

O novo material está xa dispoñible na Oficina de Turismo municipal da Praza de María Pita e no Centro de Interpretación e Atención ó Visitante (CIAV) da Torre de Hércules. Nos próximos meses, e como complemento a esta iniciativa en contexto coa política informativa do sector, Turismo A Coruña prevé a edición doutras publicacións como unha completa guía da cidade que incluirá rutas, aloxamentos e outros servizos turísticos, un folleto gastronómico, outro informativo sobre a Torre de Hércules e o parque escultórico, así como unha ruta da área metropolitana.