O Consorcio de Turismo aproba o seu orzamento para este exercicio, no que se dedicarán 671.000 euros ao desenvolvemento do Plan Estratéxico

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 31/07/2018 - 08:35 / Etiquetas: concello da coruña

​A Xunta de goberno do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña aprobou esta mañá todos os asuntos tratados na súa reunión ordinaria, sendo o máis relevante deles a aprobación inicial do orzamento do ente para 2018, e que ascende aos 3.450.000 euros, o que supón un aumento respecto o exercicio anterior do 2,3%. Destes presupostos, destinaranse un total de 671.000 euros para a aplicación do Plan Estratéxico de Turismo (PET).

Na sesión ditaminouse tamén a conta xeral de 2017. Segundo os datos presentados, a execución orzamentaria nese exercicio foi do 96%, cunha liquidación positiva de 349.926 euros, “unha cifra moi importante e uns datos que demostran que a execución é moi elevada e tamén que as contas do Consorcio están saneadas”, segundo destaca o presidente do ente turístico e concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema.

Nesta xornada aprobouse tamén a tramitación anticipada para a contratación dun evento gastronómico de gran formato que terá lugar no primeiro terzo do vindeiro ano 2019, en continuidade con outras citas relevantes da cidade, como foi o Fórum Gastronómico. Outro dos acordos ao que se deu luz verde foi a prórroga do convenio publicitario e de promoción turística con Vueling para este exercicio por valor de 1,3 millóns de euros anuais.

Das actuacións xa realizadas dende o último trimestre do 2017 e principios deste ano 2018, incluídas no informe presentado pola xerencia do Consorcio de Turismo, destacan: a promoción do turismo de reunións, incentivos, congresos e eventos, coa participación na Feira IMEX de Frankfurt, ou a actualización de materiais como unha nova guía de congresos da cidade. No segmento gastronómico, traballouse en diferentes eventos como o concurso de tapas Picadillo, a terceira edición das xornadas gastronómicas Lacónicas, o III Festival do Bocata gourmet Boucatise e a primeira edición do Festival Sabores Atlánticos, SAL. Na área de promoción do Camiño Inglés, renováronse e creáronse novos materiais e produtos turísticos, como unha visita teatralizada gratuíta A Coruña Xacobea da man de William Way ou a implementación de nova sinaléctica en colaboración coa Xunta, entre outras medidas. O turismo deportivo foi outro dos programas prioritarios de traballo do Consorcio, destacando a colaboración do ente na regata II Bandeira de traiñeiras Cidade da Coruña, no festival de culturas urbanas Street Stunts ou no Campionato Europeo de Hóckey masculino.

Precisamente, os eventos relacionados coa promoción da gastronomía atlántica, do Camiño Inglés, así como aquelas actuacións que teñen que ver coa implementación do Plan Estratéxico de Turismo, serán as principais liñas de acción nas que se seguirá a traballar dende Turismo da Coruña no que resta de ano. Tamén se está avanzando na mellora da intelixencia turística da cidade, a través de estudos de análise en colaboración coa Escola de Turismo e a Universidade da Coruña. Así mesmo, estase valorando a creación dun Museo da Emigración na cidade herculina.