O espazo de dinamización xuvenil da Sagrada Familia inicia o seu segundo curso con actividades

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 04/09/2018 - 09:12 / Etiquetas: concello da coruña

O punto de encontro para a mocidade da Sagrada Familia que impulsa a Concellería de Participación e Innovación Democrática comeza o mes de setembro cunha nova programación de actividades "decididas de maneira conxunta polas mozas e polos mozos do barrio que fan uso do espazo". A edil Claudia Delso salienta os bos resultados que está a colleitar este proxecto piloto de dinamización xuvenil, que comeza este curso a súa segunda edición tras un ano "no que se converteu nunha alternativa real de lecer no barrio". Esta nova etapa de consolidación da iniciativa comeza cunha programación que, de mércores a sábado, ofrecerá "actividades escollidas pola xuventude e nas que, polo tanto, están interesados e interesadas e que veñen a enriquecer a oferta de espazos nas que poden desenvolver as súas inquietudes".

As novas actividades previstas, que se celebran os venres e sábados polas tardes, son obradoiros de cerámica, de rima, de xardinería, de tatuaxes de henna e de teatro, así como unha tarde de cinefórum e xogos en grupo. Esta programación súmase as clases de bailes urbanos que se manteñen dende o pasado ano e que se celebran os mércores. Ademais, dúas veces ao mes, ten lugar a asemblea do punto de encontro, a xuntanza na que as usuarias e usuarios deciden de maneira colectiva as actividades que se realizan no espazo, situado no cuarto andar do centro social da Sagrada Familia. "A lóxica de participación horizontal, na que a mocidade é a protagonista tanto das accións como da toma de decisións, está xa asentada no centro, traballan de maneira colaborativa e teñen un espazo propio no que formular e dar respostas propias as súas inquietudes", apunta. O proxecto, que xurdiu a partir dunha demanda recollida nun encontro Dillo ti, conta con dúas persoas que se encargan da dinamización do espazo, co-deseñar e levar a cabo as actividades coa mocidade, ademais de deseñar, en común, estratexias de comunicación e mediación coas rapazas e rapaces do barrio.