O goberno local amosa a súa satisfacción polo resultado do proceso realizado polo Concello para o arrendamento do antigo Hotel Atlántico e a subrogación dos postos de traballo

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 23/08/2018 - 08:07 / Etiquetas: concello da coruña

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, amosou este mércores a súa satisfacción, así como a do resto do equipo de goberno, polo resultado do procedemento realizado polo executivo municipal que derivou no arrendamento do inmoble do antigo Hotel Atlántico por parte dun grupo hoteleiro que aportará ás arcas municipais máis de 1,5 millóns de euros ao ano pola súa explotación, na vez dos 2.500 euros que estaba a percibir neste momento. O tamén presidente do Consorcio de Turismo destacou hoxe, ante os medios, que "coa reversión do espazo no día de onte por parte da anterior arrendataria e a entrega á nova, o Concello pecha un proceso escrupuloso no seu deseño e exemplar na súa execución, que lle reportará un gran rendemento social e económico ao longo dos vindeiros 20 anos", período de adxudicación do contrato.

Lema salientou tamén que no día de onte, "e logo do papel de mediación xogado polo Concello neste sentido", a nova arrendataria procedeu á subrogación dos 32 traballadores e traballadoras do anterior cadro de persoal que solicitaron acollerse á mesma. "Ademais destes, outras 9 empregadas foron contratadas, de forma que a empresa entrante conte cun cadro de traballadores directo composto por un mínimo de 41 persoas, tal e como se esixía nos pregos elaborados polo goberno local e que rexeron o proceso de arrendamento", subliñou o edil. A nova adxudicataria ten a obriga de manter este número de postos de traballo durante os 20 anos de duración do contrato. "Este feito, especialmente celebrado, pon de manifesto que tanto o deseño dos pregos do concurso, como os traballos de mediación entre as partes, non só foron atinados e necesarios, senón que deron os seus froitos", engadiu.

En canto aos beneficios económicos deste proceso, o titular de Emprego fixo notar que "o canon anual recibido polo Concello por este inmoble multiplica 620 veces o seu valor, pasando de 2.500 a 1.556.00 euros, un total de máis de 30 millóns de euros ao término do período de arrendamento, que poderán ser destinados a políticas públicas que fomenten a igualdade e a consecución dunha maior xustiza social na cidade".

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Lema quixo agradecer o traballo desenvolvido polos e polas funcionarias municipais, "que amosaron un alto grao de compromiso co bo fin deste proceso, así como unha gran eficiencia tanto na elaboración dos pregos como na vixilancia do seu cumprimento", así como destacou o papel dos e das traballadoras do Atlántico, "persoas coas que mantivemos un diálogo constante ao longo de todo este tempo". "Sen a súa colaboración e confianza tería sido moito máis difícil chegar con éxito á fase na que nos atopamos neste momento", dixo.

O concelleiro Lema explicou, a preguntas dos medios, que a empresa saínte e a entrante, "non foran capaces de chegar a un acordo no que respecta ao mobiliario do hotel". Así, recordou que os pregos do contrato que o Concello formalizou con Parisiana, a anterior arrendataria, no ano 1968, indicaban que o edificio debía devolverse libre de enseres no momento da súa entrega.

Por último, o presidente de Turismo da Coruña lamentou "a falla de lealdade que amosaron neste tema determinados grupos da oposición". "Penso que non estiveron á altura das circunstancias, xa que, neste tema, estabamos a falar do futuro de 32 familias da cidade", reflexionou.