O goberno local amplía o programa ‘Aberto ao barrio’ coa apertura dos patios de catro centros de ensino todos os días no verán

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 11/07/2018 - 00:00 / Etiquetas: concello da coruña

​O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, anunciou este martes a ampliación do programa municipal Aberto ao barrio, iniciativa posta en marcha polo goberno local en decembro de 2017 coa finalidade abrir as instalacións deportivas exteriores dos centros de ensinanza para o seu uso, por parte da cidadanía, en horario non lectivo. Despois da experiencia piloto iniciada hai medio ano no CEIP Juan Fernández Latorre durante as fins de semana do curso escolar, a partires do 14 de xullo, e até o 31 de agosto, tres centros, como son o Sanjurjo de Carricarte, o Manuel Murguía e o Alborada súmanse a esta experiencia, que ademais se estende ás tardes de toda a semana durante o verán. Deste xeito, serán catro os centros escolares da cidade que abrirán os seus patios á veciñanza, todos os días, entre as 18.00 e as 21.00 horas.

“O goberno local da Coruña entende as escolas como espazos abertos, con vocación de crear comunidade. Como lugares de participación e socialización do barrio que poden xerar novas dinámicas de aprendizaxe. A posta en marcha deste programa pioneiro a finais do ano pasado, que supuxo a execución dun compromiso electoral, e a súa ampliación afondan na aposta deste Concello por fomentar a creación de espazos comúns de encontro, ocio alternativo e aprendizaxe cooperativo nos barrios”, sinalou o rexedor, quen salientou a descentralización da proposta, que se estenderá polo Castrillón, Monte Alto, Elviña e Feáns.

O proxecto piloto Aberto ao barrio que o Concello desenvolveu durante as fins de semana do pasado curso escolar colleitou, segundo cualificou Xulio Ferreiro, “moi bos resultados”, con 350 nenas e nenos de entre 6 e 17 anos participantes. “Agora esta experiencia amplíase, durante o verán, a outras zonas da cidade, co convencemento de que os patios poden constituír un elemento integrador e unha opción máis de lecer para as familias da Coruña. Cremos que uns centros educativos coas portas abertas se traduce nunha cidade máis avanzada e inclusiva”, expresou Xulio Ferreiro. Ao longo deste período, que se estenderá até final do mes de agosto, un equipo de dinamización realizará actividades vinculadas aos xogos.

O rexedor anunciou a ampliación do programa esta mañá durante unha visita ao CEIP Sanjurjo de Carricarte, na que estivo acompañado pola concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán. O centro, que se suma á iniciativa municipal, acolleu o proceso participativo O Noso Patio, impulsado pola comunidade escolar e que conta co apoio do Concello, “no que as nenas e nenos, e as súas familias, deseñaron de xeito colaborativo o patio, e cuxas propostas estamos a poñer en pé tanto desde a administración local como desde a propia comunidade”, explicou o alcalde, quen lembrou que o proxecto foi premiado o pasado mes de abril en Ludantia, a I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade, por ser, segundo o xurado, unha proposta convincente que non só achega unha aprendizaxe importante ás nenas e aos nenos, senón tamén a docentes, nais e pais. Nese sentido, Ferreiro puxo este CEIP como exemplo “da cidade educadora que é Coruña”, unha cidade que quere dar resposta ás necesidades educativas desde unha perspectiva transversal, desde a colaboración e tomando os centros educativos como espazos de aprendizaxe, de socialización e de integración.

Aberto ao barrio entronca con toda a liña política que se está a poñer en marcha desde 2015 na Concellería de Xustiza Social e Coidados, que se basea na apertura dos espazos educativos á toda a cidadanía e na aposta pola educación pública de calidade, á que teñan acceso todas as rapazas e rapaces, independentemente da súa condición. Neste compromiso, o goberno da Coruña aumentou o investimento en educación de forma continuada e progresiva, aínda a pesar das limitadas competencias que teñen as administracións locais neste ámbito. En concreto, os fondos medraron un 13% en 2017 e un 6% por enriba dos anteriores este ano, o que permitiu non só acometer importantes inversións para a mellora e mantemento de infraestruturas, senón tamén rebaixar as tarifas das Escolas Infantís Municipais ou poñer en marcha o servizo de comedor escolar en período non lectivo.