O goberno local amplía o Servizo Municipal de Canguraxe coa apertura dun novo espazo de atención á infancia en Palavea

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 30/05/2018 - 00:28 / Etiquetas: concello da coruña, Canguro Coruña, palavea

 

O Concello da Coruña conta, desde esta semana, cun novo Espazo de Atención á Infancia (EAI). O novo lugar, localizado no centro cívico de Palavea proporcionará ás e aos menores de entre 4 e 12 anos acollemento e permitirá o desenvolvemento de actividades de carácter lúdico-educativas. A proposta forma parte do Servizo Municipal de Canguraxe, que vén de renovar os contratos tanto dos EAI e as Ludotecas Coeducativas, como da modalidade de Atención á Infancia a domicilio, por un total de 263.445,63€ euros. O programa, que conta cunha maior dotación orzamentaria, favorece, ademais da creación do novo espazo en Palavea, a ampliación do horario de atención nos centros cívicos. A nova proposta da Concellería de Igualdade e Diversidade, área dirixida por Rocío Fraga, tamén aposta pola renovación de materiais ou o incremento de 400 horas para a atención de necesidades específicas de conciliación que precisen as mulleres vítimas de violencias machistas, ou que se atopen en risco de exclusión social.

Así, co EAI de Palavea, a área de Igualdade afonda na expansión do servizo de canguraxe en novos barrios da cidade, xa que se suma á rede de EAI e ludotecas municipais que se atopan nos centros cívicos de Labañou, Castrillón, Sagrada Familia, Mesoiro e Monte Alto. “Estes espazos, que presentan a actividade lúdica como un recurso educativo, de socialización e creativo no tempo de lecer das nenas e dos nenos, contribúen á conciliación da vida laboral e persoal das nosas veciñas, tanto as empadroadas no Concello como todas aquelas que teñan o seu posto de traballo, sexa por conta propia ou allea, no termo municipal”, apunta Fraga, quen engade que o alumnado que estea cursando estudos nun centro de ensino coruñés “tamén poderá participar das actividades do EAI”. “Estamos a falar dun servizo municipal que avoga por defender unha igualdade efectiva e que mellora a calidade de vida da veciñanza, á vez que ofrece un servizo cun destacado carácter metropolitano, xa que se amplía en Palavea nunha aposta por chegar tamén á cidadanía residente na contorna e que traballa acotío na Coruña”, engade a concelleira.

O novo EAI de Palavea abrirá, en período lectivo segundo indique o calendario escolar, entre as 16.00 e as 20.30 horas, mentres que no período non lectivo --vacacións de Nadal, Entroido, Semana Santa e o verán, ademais dos festivos autonómicos e locais-- poderase utilizar entre as 08.00 e as 15.00 horas. As actividades que se ofertarán, ao igual que nos outros espazos municipais, organízanse en distintos bloques, como xogo libre, xogo dirixido --obradoiros e actividades de animación socio-cultural-- e apoio ao estudo, que inclúe a realización de tarefas escolares ou a aprendizaxe de técnicas de estudo. “Os EAI achegan un conxunto organizado e integrado de actividades que promoven a educación para a igualdade, ben con carácter específico ou de xeito transversal, evitando a transmisión e reprodución de estereotipos de xénero”, lembra Rocío Fraga.

Cada menor poderá facer uso dos diferentes Espazos de Atención á Infancia ou ludotecas --ou combinación de ambos-- até un máximo de 40 horas totais ao mes, coa finalidade de fomentar, na medida do posible, un tempo compartido entre as persoas responsables do ou da menor e as nenas e nenos. “En todo caso, as circunstancias persoais e familiares das distintas unidades familiares serán valoradas polo equipo do Servizo Municipal de Canguraxe”, apunta a concelleira. Durante o período non lectivo, non haberá un número máximo de horas de uso do servizo. Para poder acceder ao mesmo --así como a outros programas de canguraxe, como Ludotecas Coeducativas ou Atención á Infancia a domicilio--, as persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude por rexistro. O Centro de Información ás Mulleres (CIM) tramitará o acceso ao servizo municipal e verificará que as solicitantes cumpren os requisitos básicos para poder participar no programa.