O goberno local defenderá no pleno cunha moción a recuperación da autonomía local

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 02/03/2018 - 00:04 / Etiquetas: concello da coruña, pleno coruña, Mociones

 

O grupo que sustenta o goberno local trasladará ao próximo Pleno municipal, que se celebra o vindeiro luns, unha moción que busca o acordo da Corporación para instar ao Goberno do Estado a impulsar as modificacións necesarias para que as corporacións locais que cumpran cos obxectivos de endebedamento e estabilidade orzamentaria “poidan decidir libremente e sen inxerencias o destino dos seus superávits, sen máis limitación nin tutelas por parte da Administración Xeral do Estado”. Na moción recóllese que “o pequeno paso na dirección correcta” dado polo Goberno central para ampliar os supostos nos que as corporacións locais poden reinvertir o seu supéravit son “claramente insuficientes para reverter a tendencia involutiva da autonomía local imposta dende o Goberno do Estado”. Así, proponse ao Pleno aprobar unha moción que inste a reverter a situación, “propiciando os cambios normativos necesarios para recuperar a autonomía local deturpada polas leis de estabilidade orzamentaria”.

Os acordos que plantexa a moción pasan tamén por “suprimir as limitacións da taxa de reposición de efectivos” e “derrogar a aplicación da regra de gasto naquelas administracións que xa cumpren” cos obxectivos de endebedamento e estabilidade orzamentaria marcados polo Goberno do Estado. O grupo que sustenta ao goberno local incide en que “a prioridade absoluta ao pago da débeda pública” que impón o Goberno central, “poñendo aos bancos por diante das necesidades das persoas”, obriga ás corporacións locais a “manter unha posición de equilibrio ou superávit orzamentario, sendo o único nivel da Administración ao que non se lle permite incorrer en déficit estrutural”. Así, considera que o Goberno do Estado está a restrinxir “de maneira inxustificada” as actuacións das corporacións locais, que se atopan con que teñen un superávit orzamentario e, na outra cara da moeda, “perentorias necesidades sociais, como consecuencia duns servizos públicos fundamentais moi debilitados despois de anos de fortes restricións orzamentarias e un incremento exponencial da desigualdade a causa da xestión austericida da crise”. A estes límites impostos no gasto súmanse as limitacións para cubrir as xubilacións do persoal público, “cun efecto acumulado que, en moitos casos, está derivando nun grave deterioro da calidade dos servizos públicos, cando non directamente na externalización” dos mesmos.

O texto da moción lembra que o Partido Popular e Ciudadanos opuxéronse á Proposición de Lei para a modificación dos criterios de aplicación da regra de gasto, aprobada polo Congreso para a súa toma en consideración a iniciativa do Grupo Parlamentario Confederal de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, e que o PP “segue a boicotear” na súa tramitación a través da Mesa do Parlamento, “ampliando sine die o prazo de presentación de enmendas e impedindo, de facto, a súa aprobación”. Esta regra de gasto “supón un agravio comparativo” para as corporacións locais fronte ao Estado, incide a moción, porque “o mal deseño da regra provoca que, na práctica, se aplique de maneira independente respecto do obxectivo de estabilidade, que é o que determina o esforzo de consolidación financiera do Estado”. “Non sorprende, pois, que os concellos, cun superávit do 0,6% do PIB en 2016, estean a ser os verdadeiros responsables da redución do déficit público do conxunto do Estado, mentres a Administración Central do Estado segue a manter o seu no 2,5%”, recolle o texto.

O grupo que sustenta ao goberno local propón tamén instar ao Goberno do Estado a modificar a regulación do Imposto Sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana para corrixir “baleiros normativos derivados das reiteradas sentenzas do Tribunal Constitucional”, proporcione seguridade xurídica tanto a contribuíntes como a concellos, e “garanta a compensación, por parte do Estado, da perda de ingresos que se produzan como consecuencia desa modificación”. Por último, os acordos piden impulsar a modificación do sistema de financiamento local para “incrementar os recursos totais asignados” e ampliar “a capacidade de actuación dos concellos sobre os tributos locais”, así como a “capacidade normativa suficiente para adaptar o sistema fiscal local á súa realidade socio-económica en cada momento, permitindo a incorporación de progresividade aos tributos locais”.