O goberno local inicia a última fase das obras de reurbanización da rúa da Torre

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 17/07/2018 - 00:47 / Etiquetas: concello da coruña, Calle La Torre

 

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, visitaron este luns o desenvolvemento dos traballos de reurbanización que o Concello da Coruña está a acometer, desde o pasado mes de maio, na rúa Torre, e que consisten na renovación do pavimento da calzada e das beirarrúas para ampliar o ancho destas e adaptalas á normativa vixente e de obrigado cumprimento sobre accesibilidade nos espazos públicos. Tal e como salientou alcalde, hoxe comeza a quinta e derradeira fase da renovación da rúa da Torre, no treito comprendido entre o Campo da Leña e a intersección coas rúas Traballo e Marconi, “uns traballos que favorecerán a accesibilidade nesta vía, en especial daquelas con mobilidade reducida”. Nesta intersección, ademais, executaranse os empalmes dos servizos renovados no subsolo --rede de recollida de augas pluviais, treitos da rede de abastecemento e conducións para futuros servizos -- co resto da rede. Unha vez que a Concellería de Rexeneración Urbana remate as conexións, será preciso agardar un tempo para favorecer o completo curado da calzada de formigón, polo que neses días se aproveitará para executar os remates no conxunto da obra, como é a sinalización horizontal --pintura-- e vertical, ou mobiliario urbano. Así, esta última fase estenderase ao longo do que resta de mes, “de xeito que a rúa Torre quedará completamente aberta ao tráfico rodado contra final de xullo”, apuntou Ferreiro.

A nova vía, máis accesible e segura, contará con moito máis espazo para a mobilidade peonil. “Coa reurbanización da rúa da Torre, unha das arterias do barrio, será moito máis fácil camiñar por Monte Alto”, apuntou o concelleiro Xiao Varela, quen lembrou que a nova calzada, ao evitar os aparcamentos en liña para favorecer a ampliación das beirarrúas, contará cun ancho de 3,50 metros. “Nestes momentos Monte Alto conta con máis prazas de estacionamento que no ano 2015”, apuntou o concelleiro Xiao Varela. “Na rolda de Monte Alto creáronse 64 novas prazas e aumentáronse tamén coa habilitación de reserva de espazos na mediana da rúa Zalaeta, que compensa amplamente as que desaparecen tanto da rúa da Torre como da Marola”.

A obra tamén inclúe, segundo expuxo o rexedor, “traballos menos visibles pero fundamentais para o barrio”, como é a renovación da rede de recollida de augas pluviais e dunha serie de treitos do subministro de auga, “ademais da construción de condutos para outros servizos, como o alumeado público ou as telecomunicacións, en previsión da necesidade de futuras instalacións e de cara a evitar así ter que acometer obras máis adiante”.